Heroes de Ponte Sampaio ve "unha tomadura de pelo" a xestión do Concello na praia fluvial

Pontevedra
03 de xuño 2023

A asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio 1809 critica que, a pesar de que durante a campaña electoral para as eleccións municipais anunciouse o acondicionamento do areal e achegas  de area a realidade é que "non achegou nin un gramo de area, nin de boa nin de mala calidade"

Praia fluvial de Ponte Sampaio
Praia fluvial de Ponte Sampaio / Mónica Patxot

A asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio 1809 manifesta o seu malestar pola xestión da praia fluvial da parroquia por parte do Concello. Así, critica que, a pesar de que durante a campaña electoral para as eleccións municipais anunciouse o acondicionamento do areal e achegas  de area a realidade é que "non achegou nin un gramo de area, nin de boa nin de mala calidade".

A entidade que preside Ramón Agulla considera "unha tomadura de pelo" aos veciños de Ponte Sampaio que esta semana unha motoniveladora estivese a remover o escaso areal que quedaba do ano anterior, "sen ningunha achega nova de area".

O colectivo veciñal considera que "rin  dos veciños" en relación coa praia fluvial da Xunqueira e tamén noutros asuntos. 

Así, tamén reclama a colocación de "baños decentes" para "evitar que a xente faga as súas necesidades onde poden dado que non hai este tipo de servizos". Nos últimos veráns, o Concello instalou baños químicos portátiles na praia, pero a entidade veciñal considera que deberían estar en servizo todo o ano dado que o colexio público da parroquia está preto e o club de piragüismo adestra nesta zona.

Entre as críticas deste colectivo veciñal tamén figuran o estado actual da Illa do Medal, pois denuncian que  leva dous anos sen iluminación pública a pesar de que o Ministerio de Agricultura fixo un gran investimento en iluminación que a facía espectacular pola noite. Tras a súa compra e restauración, o Goberno cedeu a contorna ao Concello e Ramón Agulla sostén que "non fixo nada por manter esa iluminación ou parte del".