Harmonía e consenso nun primeiro pleno municipal de apenas quince minutos

Pontevedra
19 de xuño 2019

O bo ambiente foi a tónica do primeiro pleno municipal co que arranca o mandato 2019-2023. Saúdos afectuosos, fotos nos seus novos asentos e bromas entre os concelleiros foron algunhas das escenas que nos deixa esta sesión. E, sobre todo, un consenso poucas veces visto na política local

Primeiro pleno municipal do mandato 2019-2023
Primeiro pleno municipal do mandato 2019-2023 / Mónica Patxot

O bo ambiente foi a tónica do primeiro pleno municipal co que arranca o mandato 2019-2023. Saúdos afectuosos, fotos nos seus novos asentos e bromas entre os concelleiros foron algunhas das escenas que nos deixa esta sesión. E, sobre todo, un consenso poucas veces visto na política local.

Apenas quince minutos durou o pleno de organización que, co voto unánime de todos os concelleiros, aprobou o marco de funcionamento da nova corporación.

Carme da Silva, portavoz do BNG, celebrou a "boa disposición" de todos os partidos para alcanzar un acordo que permite, dixo, que os grupos municipais teñan os medios "necesarios" para desenvolver o seu traballo. Por iso é polo que destacase que este mandato comezase dunha forma "construtiva".

O portavoz do PP, Rafa Domínguez, agradeceu o "talante democrático" do goberno municipal durante as negociacións para organizar o funcionamento da corporación e tamén se felicitou polo "espíritu constructivo" que presidiu este pleno. 

Máis concisos foron o socialista Tino Fernández, que expresou o seu desexo de que haxa moito máis plenos de consenso neste mandato; e o edil de Cidadáns, Goyo Revenga, que prometeu "diálogo" e unha oposición "constructiva" e aprobou o funcionamento interno acordado para a corporación.

O acordo de organización, cuxos detalles foron desvelados este martes, regula entre outras cuestións os salarios da corporación.

Xunto con Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández, que como alcalde e tenente de alcalde cobrarán 67.744,32 e 61.275,90 euros ao ano, sete edís do BNG terán unha dedicación exclusiva de 46.554,48 euros. Son Anabel Gulías, Eva Vilaverde, Demetrio Gómez, Carme da Silva, Carmen Fouces, Xaquín Moreda e Alberto Oubiña.

Pola súa banda, as socialistas Yoya Blanco e Paloma  Castro repartiranse outra dedicación e, por ser en réxime parcial, o seu salario ascenderá a 23.277,38 euros.

O PP gozará de dúas dedicacións exclusivas e unha parcial, coas mesmas cantidades económicas que o goberno municipal. Os populares repartiranas entre cinco edís, quedando cada un cun salario de 23.277,38 euros. Serán, ademais do propio Rafa Domínguez, os concelleiros Pablo Fernández, Martín Martínez, Silvia Junco e Juan Manuel Muñoz.