Habilitarán prazas de estacionamento para residentes en Combarro

Poio
18 de xuño 2021

A fórmula pola que se aposta para facer realidade esta prestación é a adquisición dunha parcela situada nas proximidades no núcleo histórico, que poderá ser utilizada pola veciñanza que resida neste emblemático emprazamento

Vehículos no Paseo das Redeiras
Vehículos no Paseo das Redeiras / Concello de Poio

O Concello de Poio está a traballar para habilitar, de cara ao inminente inicio da temporada estival, varias prazas de estacionamento para persoas que residan actualmente no casco histórico de Combarro. 

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, explicou que con esta medida pretende dar un novo pulo a un proxecto "no que a administración local leva tempo traballando, pero que ata o de agora non foi posible completar", debido á situación provocada pola pandemia "e á falta de entendemento con Portos de Galicia, titular destes espazos e que non autorizou o plan inicial do Concello".

A fórmula pola que se aposta para facer realidade esta prestación é a adquisición dunha parcela situada nas proximidades no núcleo histórico, que poderá ser utilizada pola veciñanza que resida neste emblemático emprazamento. 

Caldas lembra que, no proxecto inicial, o Concello apostaba por habilitar prazas para residentes no Paseo das Redeiras e na Baixada á Chousa, pero "atopámonos coa negativa de Portos, polo que tivemos que buscar outras alternativas".

Este espazo servirá como aparcamento disuasorio e axudará a garantir que "os e as residentes no núcleo histórico de Combarro poidan contar con estacionamentos propios, sen que o aumento de visitantes que se rexistra habitualmente nesta época do ano afecte á súa mobilidade sostible", indica a concelleira do goberno local, que tamén adianta que, a maiores, estase a estudar outra parcela a maiores para que sexa de uso xeralizado.

Por outra banda, a concelleira de Seguridade Cidadá confirmou que se gañarán máis prazas de estacionamento nas inmediacións do peirao da Canteira e do Paseo das Redeiras, ao suprimirse o espazo para buses. 

Estes últimos pasarán a contar cunha parada rotatoria onde poderían estacionar durante un lapso de tempo a fin de permitir o transporte de usuarios. "Isto tamén servirá para gañar fluidez e evitar retencións de circulación", sinala Caldas.

A través destas medidas, a concelleira nacionalista quere lograr que exista "unha harmonía entre o fluxo de visitantes durante a temporada estival e a garantía de que as persoas que residen no casco histórico dispoñan de lugares nos que poder deixar os seus vehículos particulares".

Ademais, a edil de Seguridade Cidadá tamén confía en que, en momentos puntuais, como poden ser días festivos ou fins de semana da temporada estival, se poidan acadar acordos concretos con Portos para permitir estacionamentos no recinto portuario. En todo caso, a concelleira do goberno local deixa claro que esta fórmula aplicarase de xeito que non afecte ao labor que desenvolve o sector pesqueiro nestas instalacións.

De cara ao futuro, Marga Caldas tamén expresa o seu desexo de estudar fórmulas que permitan incentivar os aparcamentos rotatorios en lugares como o Paseo das Redeiras, evitando, deste xeito, que haxa vehículo que permanecen estacionados na zona durante varios días.

En todo caso, a edil nacionalista aclara que "é unha cuestión que temos que negociar tamén con Portos de Galicia, ao ser unha vía da súa titularidade".