A Consellería de Sanidade acaba de habilitar unha web de autodeclaración de casos sospeitososde covid-19 para que todas aquelas persoas que dean positivo nun test de autodiagnóstico o declaren oficialmente.
En concreto, o Sergas creou un formulario en liña no que o paciente que acabe de dar positivo no test de antíxenos pode engadir os seus datos persoais e de contacto e detalle cando deu positivo en covid-19.
Unha vez declarado o caso, a Central de Seguimento de Contactos (CSC) do Sergas chamará ao paciente para darlle instrucións e pedirlle os seus contactos estreitos.
Aos contactos enviaráselles unha mensaxe de texto SMS notificando con instrucións e, no caso de que estean vacinados, non se lle realizará proba diagnóstica.
Os seus datos tamén pasarán a formar parte da base de datos do seu médico de cabeceira, que se poñerá en contacto directamente co paciente para atenderlle e tramitar a súa baixa médica, no caso de que sexa necesario.
Ao sétimo día de corentena, o médico volverá chamar ao paciente para atendelo de novo e darlle o alta se cumpre as condicións, isto é, se carece de síntomas.
O obxectivo deste formulario é axilizar a xestión dos novos positivos por covid-19, pois resulta máis rápido que a actual forma para comunicar os positivos, a través do número de teléfono 881 54 00 45. Este método, de todos os xeitos, continuará activo e os pais con menores contaxiados tamén poderán comunicar o positivo do seu fillo a través das oficinas de farmacia.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deu a coñecer este novo servizo este venres nunha rolda de prensa conxunta que deu en Santiago de Compostela co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.