Habilitan unha nova zona de aparcamento para autobuses turísticos en Combarro

Poio
02 de setembro 2022

O Concello pon en marcha un plan coa reubicación de tres paradas de 15 minutos. Segundo informa o goberno local, xa se iniciaron os traballos para habilitar unha nova parada de autobús na estrada PO-308, na Avenida da Cruz, situada no centro urbano da parroquia de Combarro

Turistas no Mosteiro de Poio
Turistas no Mosteiro de Poio / Concello de Poio

O goberno local de Poio activou un plan para recolocar o tráfico turístico de autobuses durante este mes de setembro á espera da chegada dun importante número de visitantes ao municipio. Establece tres paradas de 15 minutos.

Durante estes días iniciáronse os traballos para habilitar unha nova parada de bus na estrada PO-308, situada na Avenida da Cruz, no centro urbano da parroquia de Combarro. Marga Caldas, concelleira de Seguridade Cidadá, apunta a que este espazo atoparase operativo nos próximos días e será para autobuses comerciais.

A parada contará con sinalización vertical e pintado horizontal, á beira da actual para autobuses que cobren a liña de transporte público.

A medida, segundo a concelleira, foi acordada coa veciñanza e co sector da hostalería durante este verán, despois de que se iniciasen as obras do emisario da ría por parte da Xunta de Galicia. Esta obra, lembra Marga Caldas, impide que os vehículos accedan ao peirao da Canteira pola baixada que utilizaban habitualmente os autobuses. Esta situación provocou a procura de alternativas para evitar atascos. Ata o de agora estes autobuses turísticos utilizaban a mesma parada que llos de transporte público, pero ante as visitas de excursións organizadas previstas en Combarro durante estes dous meses, decidiuse habilitar este novo espazo.

Hai outros dous puntos para autobuses turísticos situados en Chancelas, nas proximidades a Combarro. A creación destes espazos, segundo o goberno de Poio, desenvolvéronse tras lograr os permisos por parte da Consellería de Infraestruturas, administración titular da estrada PO-308.

87% DE OCUPACIÓN EN AGOSTO

Por outra banda, a concelleira responsable de Turismo, Silvia Díaz, indicou que Poio rozou o 94% de ocupación durante a primeira quincena de agosto, un dos mellores rexistros recentes. A media de todo o mes sitúase no 87%.

As oficinas de información recibiron visitas de 3.500 persoas con turistas procedentes de puntos como Portugal, Francia, Reino Unido, Italia, Luxemburgo ou Arxentina.