O Goberno do Estado acaba de habilitar seis establecementos turísticos da cidade de Pontevedra, Poio e Sanxenxo para que poidan aloxar a traballadores de servizos básicos e cidadáns que viaxen ao abeiro dalgunha das excepcións previstas no Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se activou o estado de alarma.
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este mércores unha orde do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana pola que declaran servizos esenciais a estes aloxamentos turísticos.
En concreto, en Poio habilitan o complexo de apartamentos Solmar; na cidade de Pontevedra, o edificio de vivendas turísticas construído na rúa Gorgullón, Casas á Beira; e catro locais de apartamentos turísticos en Sanxenxo, Apartamentos 3.000, Coral Do Mar II, Lanceata e Paradellas.
No listado inclúense hoteis, apartahoteis, hostais, campings, albergues e vivendas de uso turístico. En toda Galicia, hai habilitados 37 establecementos, dez delos na provincia de Pontevedra.
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, agradeceu este mércores ao sector turístico a súa disposición a prestar este servizo que é básico e reiterou a dispoñibilidade do Goberno para axudar á súa axeitada prestación.
Segundo se explica na orde ministerial, estes establecementos serán considerados esenciais e deberán permanecer en funcionamento. En realidade, estarán pechados ao público xeral, pero acollerán a traballadores de servizos básicos, como profesionais sanitarios, transportistas, membros dos corpos de seguridade, responsables dos sistemas de redes ou eléctricos.
Ademais, permitirán que se aloxen cidadáns que viaxen por algunhas das excepcións establecidas no estado de alarma, especialmente se o fan para coidar a maiores, menores, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables ou con necesidades de atención sanitaria.
Ademáis, tamén poderán dar servizo a todas aquelas persoas que por causa de forza maior ou situación de necesidade requiran asegurar aloxamento puntual con urxencia.
Por outra banda, cabe lembrar que os Paradores de Turismo, entre eles os de Cambados e Pontevedra, están incluídos na Orde do Ministerio de Sanidad publicada o 23 de marzo do BOE que posibilita habilitar espazos destes complexos para uso sanitario cando reúnan as condicións necesarias para este uso.