O Concello de Poio poñerá en marcha un plan de tráfico durante as Festas de San Xoán para evitar acumulación de vehículos na contorna da Seara. O xefe da Policía Local, Antonio Duarte, acompañado pola concelleira de Festas, Lidia Salgueiro, indicaban que se elaboraron circuítos de circulación nos que os vehículos non se cruzan evitando retardacións.
Desta forma, os vehículos que busquen aparcadoiro accederán ao campo da festa na Seara pola PO-308 en dirección á 4ª travesía da Seara por diante de Pescamar onde haberá un estacionamento no lugar da Reigoa. Tamén poderán atopar aparcadoiro noutra leira situada na Seara accedendo a través da PO-308 á altura da rotonda. Tamén se habilitarán aparcadoiros adicionais xunto ao IES de Poio e na Praza de Arís, ademais de en a zona do tanatorio e do cemiterio.
Establécense patrullas reforzadas da Policía Local tanto para seguridade cidadá, control das actividade e do tráfico. Serán catro patrullas dos axentes locais, que contarán coa colaboración doutras dúas patrullas da Garda Civil.
Precisamente, a Policía Local manterá unha especial atención ás fogueiras do venres 23. Solicitáronse 28 permisos para prender cacharelas nas praias do municipio. Está prohibida facer lume nas praias Xiorto e Cabeceira, que contan con bandeira azul. A concelleira alertou de que se espera para esta fin de semana mareas vivas e alertou da necesidade de extremar a precaución aos particulares que acudan aos areais.
En canto ás fogueiras na zona da Seca pídese que se respecte o espazo limitado onde se prenderán as lapas e onde está previsto celebrar o espectáculo luminotécnico e tamén se levará a cabo a sardiñada popular a partir das 21.30 horas deste venres.
Durante estes días, está a procederse á inspección a través dunha empresa encargada da seguridade da zona onde se instalan as atraccións para evitar incidencias. Durante os cinco días que durará esta festa tradicional contémplanse zonas de evacuación no caso de que se produza algunha alarma, explicaba Antonio Duarte.
Para a tirada de lumes do día 26 establecerase un círculo de seguridade cun camión de bombeiros e unha motobomba nas proximidades da senda peonil para no caso de que se produza algunha situación de risco poidan actuar de inmediato. Por este motivo prohibirase o tráfico peonil a partir das 23.30 horas do luns 26 por esta senda. Lidia Salgueiro sinalaba que nalgún ano anterior produciuse un incendio nesa zona ao desviarse algún dos lumes da tirada.
PEDALADA
Por outra banda, o domingo 25 de xuño celebrarase a primeira Pedalada do Concello de Poio para todos aqueles afeccionados ao ciclismo que queiran participar dun ambiente festivo e solidario. Os interesados concentraranse ás 10.30 horas na praza do Mosteiro de Poio, de onde partirá o pelotón a partir das 11.00 horas. A chegada está prevista para as 12.00 horas ao Complexo Deportivo Miguel Anxo Pazos.
O percorrido é de 10 quilómetros e a ruta para os ciclistas irá ata Campelo, Lourido, A Seca e A Reigoa. A organización conta cunha ambulancia para calquera emerxencia que poida xurdir.
Trátase dunha proba solidaria na que os participantes terán que achegar un alimento non perecedoiro que serán doado a Servizos Sociais de Poio. Non é necesaria inscrición previa.