O papel que durante o fraquismo tivo o coñecido como Patronato de Protección a la Mujer, presidido por Carmen Polo de Franco, foi abordado nas xornadas Individuas de dudosa moral, celebradas en Pontevedra co impulso do departamento de memoria histórica da Deputación.
A investigadora, xornalista e escritora Llum Quiñonero foi a encargada xunto á doutora en Medicina Enriqueta Barranco de falar desta institución, que estivo activa entre 1941 e 1985 con ata 900 centros de internamento rexentados por diferentes congregacións relixiosas.
A súa función, explicaron, era a "dignificación moral" das mozas, "para impedir a súa explotación, apartalas do vicio e educalas nas ensinanzas da relixión católica".
"Había que reeducar ás que se consideraban descarriadas, caídas ou en risco de caer, segundo a linguaxe do momento", subliñou Quiñonero.
Así, calquera moza que fora considerada "de dubidosa moral, que non asumise a autoridade paterna, saíra cos varóns ou incluso fose moito aos bailes", podía ser denunciada pola propia familia, por unha visitadora da institución, por un sacerdote ou por veciños.
Acababa así nun centro deste padroado "sen tribunal nin condena" onde as mozas, de entre 14 e 25 anos, eran clasificadas en relación a "se pasaran pola cama con algún home", dividíndoas entre "completas e incompletas" e ían a uns centros ou outros " para que non se contaxiaran".
Unha vez no internamento, o que facían as mulleres "era ir a misa, rezar o rosario e limpar e xa nas últimas décadas había talleres e traballo escravo para empresas externas".
Unha vez explicada a realidade de represión nesta institución, a investigadora criticou o escaso debate e información que se ten dado sobre ela ata o momento, porque a chegada á democracia "pasou por alto e non moveu as institucións franquistas".
"A envergadura do dano causado é alta e está por coñecer, pero as organizacións relixiosas que alí rexentaban saíron incólumes, non deron conta e ninguén lla pediu. Os responsables están impunes", sentenciou
Pola súa banda, a médica Enriqueta Barranco puxo nome ás ordes relixiosas e comunidades segrares que se repartiron a "reforma" das mulleres en España, entre elas as Adoratrices, Oblatas del Santísimo Redentor, Trinitarias, Señoritas Cruzadas Evangélicas, Esclavas de la Virgen Dolorosa, Buen Pastor, Auxiliares del Buen Pastor ou Hijas de la Caridad.
En concreto, fixo un percorrido pola estrutura e funcións do Patronato de Protección de la Mujer de Lugo, onde o maior número de ingresos estaban tipificados por causas como "peligros morais", vida irregular ou licenciosa, "malas compañías", ser xestantes, ou amores ilícitos varios.