Haberá unha nova manifestación pro-Elnosa un mes antes de que deixe de producir cloro

Pontevedra
24 de outubro 2017

Baixo o lema "Postos de traballo dignos na nosa comarca", a manifestación será o venres 10 de novembro ás 20.00 horas. Este martes, o secretario xeral de CC.OO. de Galicia amosaba o seu apoio ao comité de empresa da cloreira

Comité de empresa de Elnosa con Ramón Sarmiento, secretario xeral de CC.OO.
Comité de empresa de Elnosa con Ramón Sarmiento, secretario xeral de CC.OO. / Mónica Patxot

O 11 de decembro, Elnosa deixará de producir cloro na súa fábrica de Lourizán por imperativo da Unión Europea, que prohibe a utilización de mercurio. Un mes antes, o venres 10 de novembro ás 20.00 horas, celebrarase unha manifestación convocada polo comité de empresa de Elnosa en defensa dos postos de traballo dignos na comarca de Pontevedra. A marcha sairá da praza da Ferrería e finalizará na praza de España. 

Este martes, os integrantes do comité mantiveron un encontro en Pontevedra co secretario xeral de Comisións Obreiras en Galicia, Ramón Sarmiento, que indicou que reclamarán á CUF, a empresa portuguesa propietaria de Elnosa, que garanta por escrito a continuidade dos postos de traballo na factoría cando se deixe de producir cloro e comece a elaboración de hipoclorito sódico.

Segundo apuntaba Avelino García, presidente do comité de empresa, está previsto que unha gran parte dos 65 traballadores da fábrica manteñan a actividade a partir do 11 de decembro tanto na elaboración de hipoclorito como no desmantelamento do sistema actual de produción de cloro.

García indicou que, a finais deste ano, se vai a producir un desabastecemento de cloro no mercado. "Non hai sosa en Europa", indicou o máximo representante dos traballadores da cloreira, pero sinalou que o grupo CUF mantén o seu compromiso cos clientes. Admitiu que, por exemplo, Ence ten un contrato coa empresa portuguesa para a subministración de cloro durante dous anos máis. Avelino García entende que a empresa lusa nutrirase doutras electroquímicas ou de factorías de Portugal. 

Ante esta situación, Sarmiento alertou sobre o tecido produtivo que está a quedar no sur de Galicia ao que considera de baixa calidade e estacional. Por iso lembrou a necesidade de demandar a través da manifestación actividade industrial con empregos en boas condicións e, neste sentido, reclama unha planta de cloro de última tecnoloxía.

O comité de empresa anunciaba tamén unha exposición que desenvolverán na praza da Peregrina con recortes de prensa durante o sábado 4 de novembro coa intención de que se visualice o trato ofrecido polas distintas agrupacións políticas á cloreira.

Namentres, os traballadores seguen á espera do que suceda coa autorización ambiental integrada pendente da Xunta e da decisión que se adopte por parte do Ministerio de Medio Ambiente para conceder a prórroga que lles permita manterse en Lourizán.