Este mércores tivo lugar en Marín unha reunión da Xunta Local de Seguridade solicitada polo propio Concello á Subdelegación do Goberno, de cara a coordinar as actuacións en materia de seguridade con motivo das Festas do Carme.
A Xunta Local de Seguridade estivo copresidida pola subdelegada do Goberno, Maica Larriba e pola alcaldesa, María Ramallo. Na reunión tamén estiveron presentes o comisario da Policía Nacional de Marín, Javier Rodríguez, o comisario provincial, Juan José Díaz, o comandante da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o xefe do subsector de Tráfico de Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, e o xefe da Policía Local, entre outros.
Na reunión realizouse un repaso polos principais eventos programados, con especial fincapé na Gala Xacobeas e no propio día do Carme, que serán os momentos nos que se rexistre unha maior afluencia de asistencia de persoas, tanto durante á procesión coma na finalización da tirada de fogos de artificio.
O concerto Xacobeas, que terá lugar o 15 de xullo, conta co seu propio plan de seguridade. Se prevé que acudan más de quince mil asistentes, e coincide, tal e como explicou a subdelegada "coa hora de regreso das praias, polo que será necesario coordinar os accesos para garantir unha mobilidade fluída e segura". Desde o Concello habilitarán aparcamentos disuasorios e, amais, reforzaranse as liñas de autobuses desde Pontevedra con horarios extraordinarios durante o venres e sábado.
Así mesmo, o 16 de xullo a confraría de pescadores celebrará por primeira vez tras a pandemia a procesión do Carme, que xa conta cos permisos de Capitanía Marítima.
Maica Larriba informou que neste operativo especial deseñado para garantir a seguridade durante as celebracións, a Garda Civil de Tráfico mobilizará durante toda a fin de semana varios dispositivos de control móbil de consumo de alcol e drogas.
A subdelegada destacou que, en total, e durante toda a fin de semana, "mobilizaranse arredor dun centenar de axentes das Forzas e Corpos de Seguridade locais, autonómicos e estatais co obxectivo de velar pola seguridade cidadá, prestando especial atención á seguridade viaria".
Doutra banda, o Concello instalará un Punto Violeta durante as celebracións "para previr calquera tipo de agresión machista".
Ramallo quixo agradecer a asistencia e especial interese mostrado pola Subdelegada do Goberno e a labor e o esforzo que se fará por parte de todos: a Policía Nacional, con máis apoios de efectivos da Comisaría Nacional e a UPR; a Garda Civil de Tráfico, nos controis de acceso á cidade e a nivel marítimo, co apoio da patrulla de embarcación de cara á procesión; a unidade adscrita da Policía Autonómica, que tamén reforzará o operativo e toda a plantilla da Policía Local, que coordinará o control do tráfico e a seguridade cidadá.