Haberá 'toque de queda' en Silgar e non se poderá comer nin xogar á pelota nas praias

Sanxenxo
07 de xuño 2020

Sanxenxo só abrirá o seu areal máis emblemático entre as once da mañá e das nove da noite. Haberá unha hora máis de marxe, ata as dez, para pasear ou correr na parte posterior da praia. A alerta sanitaria obrigará tamén a cambiar a nosa forma de gozar dos areais

Balizado da praia de Silgar
Balizado da praia de Silgar / Concello de Sanxenxo

As praias de Sanxenxo será radicalmente diferentes a veráns anteriores. Non só porque o coronavirus impoña limitacións de aforo ou distancias de seguridade. A alerta sanitaria obrigará tamén a cambiar a nosa forma de gozar dos areais.

O Concello confirmou que, entre outras medidas, non estará permitido comer nin xogar á pelota en todas as praias do municipio. Estes comportamentos estarán prohibidos por motivos de seguridade.

A maiores, na praia de Silgar haberá 'toque de queda'. Sanxenxo só abrirá o seu areal máis emblemático entre as once da mañá e das nove da noite. Haberá unha hora máis de marxe, ata as dez, para pasear ou correr na parte posterior da praia.

Este límite horario impoñerase para poder limpar e desinfectar as cordas e estacas que delimitarán as parcelas nas que estará dividida a praia.

Un dos cinco sectores de Silgar, avanzou o goberno municipal, será unha zona para maiores de 65 anos e discapacitados, que terán un fácil acceso desde o paseo.

O servizo de limpeza dos aseos das praias, pola súa banda, desinfectará estes espazos cada hora e media. Nun lugar visible haberá un cartel co horario de cada limpeza e un teléfono móbil ao que chamar se a instalación está en mal estado.

BOA RESPOSTA DA BOLSA DE EMPREGO

O Concello prevé que o persoal que traballará nos areais este verán se incorpore aos seus respectivos postos o próximo 26 de xuño.

A resposta á convocatoria da bolsa de socorristas, vixiantes e sanitarios superou as expectativas do Concello de Sanxenxo con 238 aspirantes para as distintas modalidades.

Do total, 89 preséntanse para a praza de socorrista, 47 á de sanitarios e 102 á de vixiantes de aforo. Todos eles deberán someterse a unha proba telemática, xa que debido á situación sanitaria non se realizarán probas presenciais.