Haberá sancións para os que planten un 'coche de punto' que teñan reservado

Pontevedra
10 de outubro 2024

O Concello acorda os primeiros axustes ao sistema de funcionamento do servizo de transporte a demanda que realizan os taxis de Pontevedra. Xa hai dúas persoas sancionadas

Taxi nunha rúa de Pontevedra
Taxi nunha rúa de Pontevedra /

Tras os primeiros días de funcionamento, chegan os primeiros axustes ao sistema de funcionamento do coñecido como 'coche de punto', o servizo de transporte a demanda que realizan os taxis da cidade entre o núcleo urbano e as parroquias do rural.

O goberno municipal considera que o número de viaxes realizadas esta semana é "razoable". Así, houbo trece servizos o primeiro día, o pasado luns, oito o martes e doce o mércores.

O edil de Mobilidade, César Mosquera, destacou que se demostra que "resolve un problema para esas persoas que non teñen outro xeito de achegarse ata o centro".

Cos datos do arranque na man, xa se celebrou a primeira xuntanza técnica para "axustar" certas cuestións que non funcionaron de xeito óptimo e ir mellorando o servizo.

Entre as primeiras medidas adoptadas, están "pequenas correccións" nalgunhas paradas, como a da estación de tren. Realizarase a baixada na estación de bus, por ser máis doado a nivel de circulación e de estacionamento.

Tamén cambiará a que estaba prevista diante do centro de saúde Virxe Peregrina, que pasará a estar situada a escasos metros, na propia parada de taxis da Alameda.

No referido ás reservas, si que se tomou unha decisión de relevancia, á hora de penalizar ou sancionar dalgún xeito a aqueles usuarios e usuarias que realicen unha solicitude do servizo e logo non aparezan no lugar acordado ou non dean conta da súa ausencia.

"Así será polo momento", advertiu Mosquera, que avanzou que xa hai dúas persoas sancionadas que "ían en viaxe xuntas e non chegaron á hora".

Este tipo de comportamentos poden provocar, recordou o responsable municipal, que outros usuarios non poidan acceder a este servizo, especialmente en días de maior demanda.