As comunidades de montes de Aguasantas, Borela, Carballedo, Loureiro e Rebordelo, por un lado, e o Concello de Cerdedo-Cotobade, polo outro, presentarán un recurso xudicial á declaración de impacto ambiental aprobada para o parque eólico dos Cotos.
Así o ratificaron nunha xuntanza celebrada no consistorio de Carballedo, no que decidiron tamén manter a unidade de acción contra este proxecto.
Nesta xuntanza ademais do alcalde, Jorge Cubela, estiveron presentes o tenente de alcalde Fernando Vázquez, o concelleiro Bruno Portela e representantes das comunidades de montes, que apostaron por seguir coordinando as accións e os posicionamentos sobre este tema.
"O posicionamento claro do Concello e do grupo de goberno é opoñernos a este proxecto eólico. O apoio á estratexia marcada foi unánime por parte dos veciños presentes”, manifestou o alcalde Jorge Cubela.
Entre os acordos adoptados entre o alcalde e as comunidades de montes figura o asesoramento a través de gabinetes xurídicos da máxima solvencia nestes temas coa intención de interpoñer o recurso contra a declaración de impacto ambiental.
Por outra banda, valorouse moi negativamente o feito de que non se responderan as alegacións presentadas polos afectados en tempo e forma contra o parque eólico, o que motivou un profundo malestar por parte dos representantes municipais e dos comuneiros.