Haberá "libre tránsito" entre todas as provincias galegas desde esta madrugada

Pontevedra
07 de xuño 2020

Este libre tránsito, segundo o presidente da Xunta, estará autorizado "sen ningún tipo de dificultade" desde este luns, ao entrar toda Galicia na fase 3 da desescalada e contar todas as provincias cunha evolución epidemiolóxica similar

Mulleres no paseo de Montero Ríos
Mulleres no paseo de Montero Ríos / Mónica Patxot

A partir desta madrugada, moitos pontevedreses poderán reencontrarse coas súas familias despois de tres meses separados pola pandemia do coronavirus. Galicia autorizará, segundo avanzou Alberto Núñez Feijóo, os desprazamentos entre as catro provincias galegas.

Este libre tránsito, segundo o presidente da Xunta, estará autorizado "sen ningún tipo de dificultade" desde este luns, ao entrar toda Galicia na fase 3 da desescalada e contar todas as provincias cunha evolución epidemiolóxica similar.

"Poderémonos mover con tranquilidade e seguridade", indicou Núñez Feijóo, que considera que "o máis responsable" é permitir a mobilidade en Galicia antes de valorar "se nos abrimos ao resto das comunidades".

Esta decisión é "imprescindible", defendeu o presidente da Xunta, desde o punto de vista familiar e" moi positivo" desde o ángulo económico e social, porque ademais das visitas a familiares, por exemplo, tamén poderemos viaxar a segundas residencias.

"Galicia deixará de estar rota e dividida en catro", destacou o dirixente autonómico, que celebrou que os galegos poidan "reencontrarse" e que o Goberno central haxa accedido ás peticións realizadas desde a comunidade galega.

A partir de agora, engadiu Alberto Núñez Feijóo, "é necesario pensar" nos pasos fronteirizos con Asturias e Portugal, especialmente co país veciño, xa que considera que os dous únicos pasos abertos están "mutilando" a economía da eurorrexión.

Ademais, o presidente da Xunta instou ao executivo central que autorice a apertura de, polo menos, un aeroporto galego aos voos internacionais, igual que fixo con aeroportos de categoría similar noutras cidades da España periférica.