A atención aos servizos sociais será "prioritaria", segundo o goberno municipal, durante a crise sanitaria do coronavirus. O Concello está a traballar na elaboración de todos os protocolos necesarios para que as persoas en situación de vulnerabilidade reciban a atención que precisan, mesmo moito máis importante para elas nesta situación.
Unha das primeiras medidas adoptadas polo Concello, segundo explicou a portavoz municipal, Anabel Gulías, será garantir que o centenar de nenos e nenas que se alimentaban grazas ao funcionamento dos comedores escolares teñan "resolta" a súa alimentación.
En colaboración co comedor social de San Francisco, todas estas familias recibirán a diario packs de comida "perfectamente seguros", aclarou Gulías, de forma que todos estes menores teñan "garantidas" as súas condicións alimentacións.
Para iso, engadiu, haberá unha coordinación por parte de Policía Local e Protección Civil.
Desde servizos sociais, ademais, contactaron con todas as asociacións que prestan axuda ás persoas sen teito que hai na cidade para ofrecer unha maior atención a este colectivo e evitar posibles contaxios do coronavirus.
Dentro desta área, o Concello estuda tamén un protocolo para poder "canalizar" a colaboración dos cidadáns que, a través das redes sociais, están a ofrecer a súa axuda a persoas que viven soas ou non poden saír de casa.
A este respecto, Anabel Gulías explicou que o goberno municipal xa contactou con varias empresas de axuda a domicilio para garantir que estas persoas "teñan un soporte" e conten coa atención que necesitan.