Haberá grelos suficientes para este Entroido? No mercado de abastos de Pontevedra recomendan reservalos

Pontevedra
07 de febreiro 2024

Malia as novas que indican unha mingua nas recolleitas de grelos, no mercado da rúa Serra aseguran que este sábado, o día de máis venda desta verdura propia do Entroido, haberá suficiente provisións, sempre e cando se deixe feita a encarga

Pablo Cancela coloca as verduras no seu posto do mercado de abastos de Pontevedra, a froitería Pablo e María
Pablo Cancela coloca as verduras no seu posto do mercado de abastos de Pontevedra, a froitería Pablo e María

O tempo inusual para esta época do ano, con xornadas de temperaturas por riba dos vinte graos está a ter as súas consecuencias nas verduras desta tempada de inverno, as que necesitan o frío durante a recolección. A calor obrigou a realizar unha recollida anticipada. "Adiantámonos se cadra unha semana, tranquilamente, ou quince días, vén todo moi adiantado, hai moi pouca verdura e moita demanda", comenta Pablo Cancela, dende o seu posto no mercado de abastos de Pontevedra, a froitería Pablo e María.

Achegámonos á primeira fin de semana de Entroido e, de entre todas as verduras, o grelo é a estrela. O mercado da rúa Serra é un punto de referencia para pescudar se os pontevedreses van poder contar con este manxar para as súas laconadas ou cocidos.

Cancela puntualiza que "o grelo quere frío, dáte conta que o collen todos os días, e a vinte graos morre". Parece que este inconveniente vaise ir resolvendo nos próximos días, nos que se anuncia unha baixada de temperaturas. Pero a tregua durará pouco, xa que "para o xoves dan temporal, e é complicado, porque o grelo colle moita auga e á hora de recollelo mázase moito, é moi fino, por iso chámanlle o grelo fino, e pode vir a folla máis machucada".

É a contrapartida a un produto que se caracteriza pola súa frescura, "hoxe están a recoller para mañá, ás poucas horas de recollelo, de madrugada, déixano aquí no mercado", engade o froiteiro.

As incidencias destes días véñense a sumar a un problema que leva meses arrastrando esta verdura. Con respecto a outros anos, Pablo Cancela afirma que "hai pouco grelo, foron case dous meses chovendo seguido e a raíz da planta con tanta auga podrece, o grelo ponse amarelo e pérdese moita cantidade de verdura".

Ao seu lado, María Yolanda Álvarez, empregada de froitería Loli, confirma que, "polas choivas de novembro, vén un pouco máis pachucho de aspecto polo cañoto, pero rende igual, e o sabor é o mesmo de sempre".

A froiteira tamén coincide en que se nota que chega menos produto, pero que "non é tanto como di a televisión", asegura. "Non hai grelos, si hai grelos!", proclama cun sorriso e a seguridade que lle dan os seus corenta anos despachando. "Hai moi poucos, pero de momento, o que se pide, que é o que sabemos que lle imos a dar saída, sérvennolo".

Este sábado de Entroido, cada posto do mercado de abastos de Pontevedra poñerá á venda máis de cen feixes de grelos

Na xornada do martes, nos dous postos de froitas e verduras puxeron á venda dúas ducias de feixes de grelos. Ás 13:00 horas vendían as últimas unidades. Purificación e Enrique, matrimonio residente en Pontevedra e compradores habituais do mercado de abastos, levaban o último feixe do día en froitería Loli. Preguntados por PontevedraViva lamentaban que os grelos estaban "caros, porque isto non queda nada despois de cocelos". Con todo, recoñecían que o prezo era o mesmo que outros anos. No seu caso, comprábano para unha comida de diario do máis apetecible: "poñémolo cun pouquiño de porco, e facemos así unha grelada".

A un prezo de 3 euros véndese o feixe de grelos en ambos os postos, que son ademais as dúas únicas froiterías que se manteñen no mercado de abastos de Pontevedra. Pablo Cancela argumenta que "o grelo habería que poñelo a 3,25 euros para que nos fose rendible, porque a marxe é moi pequena, non temos nin 70 céntimos de marxe".

O sábado vai ser o día grande de venda do grelo. "Ás 6 ou as 7 da mañá xa chega xente para comprar", sorprende María Yolanda. En cada posto van poñer en venda máis de cen feixes de grelos, dado o alto número de encargos que están a recibir nos últimos días. Por iso, para asegurarnos esta deliciosa verdura, aconsellan que se faga unha reserva previa, tanto achegándose ao posto como comunicándose por teléfono.

Neste caso, a compra de última hora está xustificada. Pablo ten a explicación: "a xente fai o cocido normalmente o domingo, e con este tempo tampouco é moi conveniente levalo 3 días antes porque non che aguanta, estamos en febreiro e parece que estamos en maio".

Arquivado en