Tras case tres anos de espera, Pontevedra terá Feira Franca. Os días 2 e 3 de setembro, a cidade regresará á Idade Media para gozar dunha das festas máis esperadas de cada verán e que, debido á pandemia da covid-19, non se celebra desde o ano 2019.
Será unha edición que retomará a temática que ía ter a Feira Franca de 2020. O río Lérez, a ponte do Burgo e a vinculación de ambos coa orixe da cidade serán os protagonistas.
A edil de Festas, Carme da Silva, explicou que "estamos cos últimos preparativos", polo que non adiantou a súa programación, pero si que haberá actividades no Burgo e en torno ao Lérez porque, nesa época histórica, "foron elementos esenciais da existencia de Pontevedra".
A Feira Franca, segundo Da Silva, regresará no seu formato "que tanto botamos de menos", é dicir, haberá mesas particulares e mesas dos establecementos de hostalería para celebrar comidas e ceas no centro histórico, numerosas actividades e a inauguración previa o venres.
Para anotarse e poder instalar unha desas mesas, a oficina de Feira Franca abrirá as súas portas entre os días 15 de xuño e 15 de xullo, no antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII.
A Feira Franca será o broche de ouro a unhas Festas de Verán que, anunciou a edil do BNG, estarán a medio camiño entre a "descentralización extrema" durante a pandemia e un modelo " máis tradicional", que se combinará con eventos "grandes e masivos".