Chega o 40 aniversario do Entroido de Pontevedra e vai facelo coa etiqueta de ser o "mellor entroido urbano de Galiza", manifestaba Demetrio Gómez, concelleiro de Festas do Concello de Pontevedra.
Para a presentación do programa, este martes o concelleiro rodeábase de integrantes da Murga do Naveiro e do ilustrador Kiko da Silva, vestido como Castelao, e a fotógrafa Paula Andrés, encargados de realizar o deseño do programa que, nesta ocasión, se presenta en formato de álbum de cromos con 32 estampas recreando os antigos carteis desta festa cidadá en Pontevedra.
Demetrio Gómez indicou que se publicaron 10.000 exemplares destes álbums, que serán repartidos a partir do venres 2 tanto na Oficina de Turismo Municipal como a través do Departamento de Cultura e Festas, situado na rúa Churruchaos.
"Queriamos facerlle unha homenaxe ás persoas que colaboraron para que Pontevedra sexa unha auténtica festa", manifestou o concelleiro co recordo aos 39 carteis anteriores antes de presentar a programación. "Debe ser o ano que menos tempo temos entre o Nadal e o inicio do Entroido.Parecemos Verín que xa tras o Nadal xa o están celebrando", apuntou.
O prazo de inscrición xa está aberto para participar no gran desfile, no concurso de murgas ou na Mostra da Parodia.
A festa iniciarase o venres 9 coa recepción do Rei Urco para, a continuación, celebrarse ás 21.00 horas o pregón da Murga do Naveiro. Pablo Grela, representante desta agrupación, asegurou que é "unha honra" abrir esta celebración cando esta murga conmemora tamén o seu décimo aniversario como participante no entroido pontevedrés.
"Somos unha murga e temos que soltar carnaza", admitiu Grela coincidindo co concelleiro en que a proximidade das eleccións autonómicas dará "moito xogo" para o sarcasmo e a broma.
O sábado 10 está previsto o desfile a partir das 17.00 horas, que partirá de Xosé Malvar e percorrerá o centro da cidade ata a rúa Alameda.
O luns 12 presentarase ao loro Ravachol coa indumentaria deste ano, figura que se manterá viva ata o sábado 17, previo á xornada electoral, cando se celebre o velorio, enterro e incineración coa novidade da celebración dunha sesión vermú matinal con Val do Lérez na Verdura, Curros Enríquez e nas escaleiras do Teatro Principal.
O martes 13 terá lugar a Festa Pirata infantil a partir das 17.00 horas cunha actuación musical. A continuación desenvolverase o desembarco da Burla Negra e un concerto de Gin Toni's.
O mércores 14 chegará o entroido ás parroquias, que se completa coa recreación da Botica do Padre Feijoo na Peregrina. O xoves 15 celebrarase a final do concurso de murgas e o venres 16 a Mostra da Parodia co peche final previsto para o sábado 17 coa incineración de Ravachol, símbolo histórico da festa.
Kiko da Silva, durante a súa intervención, lembrou á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 138 aniversario do nacemento do autor de 'Sempre en Galiza' admitindo que o humor gráfico "non existiría sen Castelao". O ilustrador e autor do cartel e do programa reivindicou tamén a liberdade dos creadores: "os ilustradores tamén pedimos poder pensar e opinar sen que a nosa arte sexa censurada ou vilipendiada".
Agradeceu a todas as persoas que facilitaron a creación do álbum que ilustra a programación do Entroido como Caqui Viñas, que logrou algúns dos primeiros carteis "que cedeu parte da colección". O autor fixo unha invitación a participar destas festas co desexo de "longa vida a Castelao e ao loro Ravachol!".