O areal da Concha-Compostela verá instaladas moi pronto as primeiras infraestruturas para facilitar a práctica deportiva dos seus usuarios.
Trátase de todos os elementos necesarios para crear dous campos de fútbol, un de balonmán praia e dous máis de voleibol, segundo adiantou o goberno municipal de Vilagarcía.
En total, investiranse algo máis de 12.300 euros en porterías, postes, redes e cintas para delimitar os campos.
Todos os elementos serán facilmente desmontables, primeiro, para facilitar outros usos da praia cando sexa necesario, e segundo porque a propia Lei de Costas impide que existan elementos permanentes no areal.
A intención do Concello é seguir investindo na dinamización do areal, tanto en infraestruturas como en actividades, ao entender que a praia constitúe un atractivo turístico pero tamén é un dos lugares preferidos dos vilagarciáns para o lecer e a vida saudable.
Nesta mesma liña de coidar as áreas de recreo, o goberno local aprobou tamén investir outros 17.000 euros no parque infantil anexo á urbanización das Gaivotas, en Vilaxoán, e 6.000 máis no parque canino do barrio do Piñeiriño.
No primeiro caso, a actuación consistirá na restauración de todos os elementos alí existentes, dende a randeeira e o tobogán ata as torres, o balancín ou a casiña de xogos.
Todas as pezas que estean deterioradas serán substituídas por outras novas e finalmente todos os elementos serán repintados antes de devolvelos ao seu lugar orixinal. Igualmente, será restaurada a varanda que ao longo de 64 metros lineais pecha o recinto.
No caso do parque canino do Piñeiriño, o investimento consistirá en dotar a este espazo dun circuíto con slalom, túnel, roda, salto de altura e balancín, ademais dun valado todo arredor e un cartel explicativo, seguindo o exemplo de recintos similares xa existentes no municipio.