Haberá as xornadas de portas abertas "que fagan falta" para visitar Santa Clara

Pontevedra
20 de decembro 2021

Ante o éxito que tiveron esta fin de semana as dúas xornadas de portas abertas para visitar o convento de Santa Clara, máis de sete mil persoas entre o sábado e o domingo, o Concello tomou a decisión de organizar novas visitas ao antigo cenobio

Xornada de portas abertas aos xardíns do convento de Santa Clara
Xornada de portas abertas aos xardíns do convento de Santa Clara / Cristina Saiz

Ante o éxito que tiveron esta fin de semana as dúas xornadas de portas abertas para visitar o convento de Santa Clara, máis de sete mil persoas entre o sábado e o domingo, o Concello tomou a decisión de organizar novas visitas ao antigo cenobio.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, avanzou que despois do nadal organizaranse as visitas "que fagan falta" para que todos aqueles cidadáns que queiran coñecer o interior de Santa Clara poidan facelo.

O obxectivo é que "ninguén que queira coñecer o que agocha" quede sen velo.

Desde o Concello celebran a mostra de "apego" e de "amor" pola cidade que están a demostrar os pontevedreses co seu interese por descubrir Santa Clara, despois de que pasase a ser parte do patrimonio público da cidade.

Gulías destacou a "emoción" que sente o goberno municipal ante esta gran resposta da cidadanía e o seu "orgullo" polo respecto dos pontevedreses polo seu patrimonio.

Ademais destas novas xornadas de portas abertas, o Concello tamén ultima a organización dunha serie de visitas guiadas ao convento que tamén se impulsarán tras as próximas festas de Nadal.