Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva" cunha receita que nos trae os sabores da cociña asiática e para a que Conservas Pescamar nos brinda un dos produtos máis prezados das nosas costas e que forma parte da súa gama gourmet: as zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva.
A carne das zamburiñas é moi estimada na cociña polo seu sabor e textura de gran calidade. A estas características únense os seus valores nutricionais, en especial a alta composición en proteína e a inexistencia de graxas.
As empanadillas ao vapor son un prato típico en China, Xapón e Corea, onde toman diferentes nomes e formas de preparación. En Xapón denomínanse gyozas e caracterízanse polo toque final de prancha ou tixola para darlles unha textura crocante.
Para preparar unhas saborosas 'Gyozas' con zamburiñas Pescamar necesitamos:
Ingredientes para o recheo:
- 1 lata dezamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva
- 100 g de gambas cocidas
- 30 g de ceboliña chinesa
- 100 g de col chinesa
- 2 cogomelos xitake
- 1 dente de allo
- 4 culleradas de salsa de soia
Ingredientes para a masa (para aproximadamente 15 gyozas):
- 120 g de fariña
- 60 ml de auga (¼ cunca)
- ¼ de culleradiña de sal
Ingredientes para a salsa:
- 8 culleradas de salsa de soia
- 2 culleradas de vinagre de arroz
- 2 culleradas de aceite de sésamo
- ½ culleradiña de xenxibre fresco relado
Preparación do recheo:
Picamos a col, a ceboliña (retirada a raíz), o dente de allo, os cogomelos xitake, as gambas cocidas e as zamburiñas das rías en salsa de vieira con aceite de oliva. Introducimos nun recipiente, engadimos a salsa de soia e mesturamos todos os ingredientes. Reservamos.
Preparación da masa:
Quentamos a auga co sal. Poñemos a fariña nun bol, facemos un oco no centro e vertemos nel a auga quente con sal. Mesturamos cunha culler de madeira e cando empece a formarse a masa traballámola coas mans e formamos unha bóla.
Trasladamos a masa a unha superficie lisa e seguimos amasando. Cando a masa estea suave e homoxénea, envolvémola con papel filme e deixamos repousar unha hora na neveira.
Pasado ese tempo, sacamos a masa da neveira, retiramos o papel filme, dámoslle forma de rulo e cortámola en porcións de aproximadamente 2 centímetros. Facemos unha bóla con cada unha das partes.
Tomamos cada parte, esparexemos por riba un pouco de fariña para facilitar o traballo, aplanamos coa palma da man e, a continuación, cun rodete ata que a masa forme un círculo fino, algo máis groso polo centro que polos bordos.
Cociñado das gyozas:
Colocamos en cada porción de masa unha cullerada do recheo e pechamos a oblea formando unha media lúa, que acabaremos de selar coa axuda dun garfo.
Engadimos auga a unha pota compatible coa vaporeira, que colocaremos enriba cun papel de forno para evitar que se peguen as empanadillas. Poñemos as gyozas sobre a superficie, cubrimos cunha tapa e cociñamos durante 30 minutos.
Poñemos unha tixola cun pouco de aceite a quentar. Empoamos cun pouco de fariña un lado de cada gyoza. Colocámolas na tixola co lado enfariñado sobre o aceite ata que estea dourado e crocante.
Preparación da salsa:
Mesturamos a salsa de soia, o vinagre de arroz, o aceite de sésamo e o xenxibre relado. Servimos a salsa nun cunco.
Presentación:
Nunha bandexa, colocamos as gyozas coa parte inferior cara arriba e ao seu lado un cunco coa salsa.
En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva" cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.