"I'd like to stay here, in España" ou, o que é o mesmo, "Gustaríame quedar aquí, en España". É unha das poucas frases que acertan a dicir en inglés Samer, Abdullah, Ali, Mohamed, Hamil, Zoul e Ahmad, os sete cidadáns de orixe siria que esta semana chegaron ao porto de Marín a bordo dun buque cargado de pedra e, ao pouco tempo de atracar, pediron asilo en España. Gustaríalles quedar porque, segundo explican, "en Siria hai demasiados problemas" ("Syria, too much problems", no seu inglés forzado).
A petición de asilo fixérona este martes e, desde entón, a burocracia púxose en marcha. Á primeira hora da tarde deste mércores, xa foran identificados por axentes da Policía Nacional, que os visitaron a bordo do barco para solicitar información acompañados por un intérprete. A continuación, todos os datos e a documentación foron remitidas á Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior, con sede en Madrid, segundo indicaron fontes gubernamentais.
Os sete cidadáns sirios atópanse agora nun impasse, á espera de que as autoridades resolvan sobre a súa petición. Pouco saben de como está a situación, pero desde a cuberta do barco comunicáronse con este xornal en inglés e trasladaron que confían en saber algo "quizais en catro días".
A pesar das súas dificultades comunicativas en inglés, lograron trasladar que se decidiron a pedir o asilo xusto no porto de Marín porque "de aquí, imos a Siria", de modo que, de non solicitalo á súa chegada á dársena pontevedresa, o seu seguinte destino sería Siria e por nada do mundo queren volver. Saíron de alí hai "tres meses" a bordo do barco Lady Boss e desde entón pararon en lugares como Turquía ou Guinea Bissau, pero a viaxe acabábase e xa non tiñan máis opcións de tentar evitar o regreso.
Cando se lle pregunta o por que do seu rexeitamento para volver ao seu país de orixe, responden movendo a cabeza e asegurando que alí todo son "problemas" e "guerra". Confían en quedar en España, pero non teñen predilección por un ou outro lugar, senón que citan Madrid, Barcelona ou calquera outra cidade. Marín tamén lles vale, aseguran coa cabeza. Todo menos volver a Darayya, a súa cidade.
Por que España? "É moi bonito", aseguran. E tampouco concretan moito máis. Tan só que teñen distintas situacións persoais e idades (20, 22, 27, 45 ou 54 anos son algunhas) e queren quedar "por un traballo" e por escapar da situación de guerra e destrución que ten o seu país.
A bordo do barco, que ten bandeira do arquipélago africano das illas Comoras, había un total de 11 tripulantes, pero tan só eles sete son de orixe siria e pediron o asilo. O resto non están no barco, pero eles non poden saír poque carecen da documentación adecuada ata que se resolva a súa petición de asilo. No barco teñen comida e bebida, de modo que se alimentan ben, mesmo "demasiado", e aseguran que queda para "seis días".
O que botan de menos é un teléfono cun cartón SIM válido para poder utilizar en España, pero desde a empresa de seguridade privada que se encarga de vixiar o barco -por momentos estivo a Policía Nacional, pero non de forma permanente- teñen ordes de non deixarlle baixar a terra e, moito menos, ir comprar o cartón ou encargar que a compren. Este miércoles baixaron para falar cos responsables da empresa de seguridade, pero instáronos a que volveran ao barco de xeito inmediato.
*Cabe a posibilidade de que algún dos nomes recollidos nesta información conteñan algún erro. Trátase dos datos achegados en persoa polos sete refuxiados desde a cuberta do barco e as conversacións desenvolvéronse con dificultade. As frases que dixeron de forma clara en inglés aparecen traducidas para facilitar o entendemento do texto.