Guiso de outono ao estilo Pescamar

Pontevedra
06 de novembro 2021

Para esta receita, Pescamar propón unha conserva de tentáculos de cefalópodos da especie Dosidicus Gigas, coñecida como lura xigante, cunha textura moi agradable ao padal e un sabor potenciado pola preparación ao allo cun toque de caiena

Guiso de outono
Guiso de outono / Max Nayman en Unsplash

Chega unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cun guiso de patacas e cogomelos de outono para o que Conservas Pescamar propón unha conserva de tentáculos de cefalópodos da especie Dosidicus Gigas, coñecida como lura xigante, cunha textura moi agradable ao padal e un sabor potenciado pola preparación na propia lata ao allo cun toque de caiena.

Para preparar un delicioso Guiso de outono ao estilo Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 2 latas de Tentáculos de cefalópodos ao allo Pescamar

- 3 patacas

- 1 pemento verde

- 2 tomates maduros

- 1 cebola

- 1 dente de allo

- 200 g. de cogomelos

- unhas febras de azafrán

- unha culleradiña de pemento

- 2 follas de loureiro

- sal e perexil

- aceite de oliva

- medio vaso de viño branco seco e medio de auga

Preparación:

Na cazola onde vaiamos preparar o guiso, quentamos un bo chorro de aceite de oliva e preparamos un sofrito coa cebola moi picada. Refogamos a lume suave e, pasados uns minutos, engadimos o pemento verde cortado en tiras finas. Cando as verduras estean ben pochadas, incorporamos os tomates cortados en anacos, mesturamos e deixamos que se vaia sofritindo todo xunto para que se evapore o mollo.

Unha vez reducido o sofrito, incorporamos as patacas cortadas en rolos e as follas de loureiro. Vertemos o viño branco, mesturamos ben e, cando reduza o alcol, agregamos parte do mollo das latas de Tentáculos de cefalópodos ao allo Pescamar, medio vaso de auga e un chisco de sal. Remexemos suavemente e cocemos a lume medio durante quince minutos. Pasado este tempo, engadimos os cogomelos, tapamos e deixamos cocer cinco minutos.

Mentres, no morteiro, machucamos o dente de allo cun chisco de sal, o pemento, as febras de azafrán e unha presada de follas de perexil picado.

Unha vez cocidas as patacas, incorporamos o contido do morteiro e as dúas latas de Tentáculos de cefalópodos ao allo Pescamar. Mesturamos suavemente e deixamos a lume baixo uns cinco minutos.

Retiramos e deixamos que repouse tapado antes de servir.

Deste xeito, conseguimos unha receita fácil e deliciosa, moi apropiada como prato principal para os meses fríos do ano.

En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva", de Conservas Pescamar.