Unha comitiva oficial de Guinea Bissau visitou este luns Pontevedra e tivo a oportunidade de coñecer tanto a cidade e o seu modelo urbano como o traballo da Deputación Provincial e o viveiro de empresas do polígono de Barro-Meis.
A delegación guineana está de visita en Galicia da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, con sede na cidade do Lérez, e aproveitou para coñecer os modelos de desenvolvemento pontevedreses ante a posibilidade de inspirarse neles no proceso de mellora deste país africano.
A primeira parada foi pola mañá na Deputación onde o ministro de Administración Territorial de Guinea Bissau, Sola Naquilin Nabitchita, reuniuse co presidente en funcións, César Mosquera, e convidouno a visitar o país africano para intercambiar coñecementos sobre agricultura, emprendemento, e seguridade viaria.
A comitiva amosouse interesada polas incubadoras de empresas impulsadas por entidades locais como a de Barro-Meis e polo traballo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA). Visitaron as súas instalacións e coñeceron o traballo co sector agrícola adaptando os cultivos ao solo e ao clima e loitando contra as pragas de xeito biolóxico.
Segundo indicou a Deputación ao remate da visita, o ministro guineano subliñou que a de Galicia é a súa primeira visita internacional e escolleuna polas súas características e pola urbanización e a división de cidades que presenta. O 60% da economía de Guinea Bissau procede da agricultura e da pesca, pouco máis do 10% da industria e o 30% do sector servizos e da construción, polo que se mostrou receptivo a calquera asesoramento que promova o desenvolvemento destas áreas. Neste sentido, mostrou especial interese polo desenvolvemento da acuicultura, que no seu país ten unha implantación case nula.
Mosquera destacou que Guinea Bissau é un país cun área lingüística moi próxima á Galiza e con 1,6 millóns de habitantes fronte aos dous millóns galegos, a un tempo que a extensión territorial é similar, e tamén conta cunha grande superficie de costa e insistiu en que, dado que se trata dun país cunha grande sinistralidade, "seguro que o que levamos traballado en Pontevedra é de interese".
Ademais do ministro, a delegación de Guinea inclúe a Micailo Biai, director de servizos de Licenciamento e Incentivos ao Investimento; Mahalam Mane, director xeral de Gobernación e Desenvolvemento Local; Angela Abdula, asesora técnica principal Gobernación e Desenvolvemento Local; e Iván Arizcurinaga Vásquez, consultor de Gobernación e Desenvolvemento Local.
Todos eles estiveron tamén pola tarde na Casa da Luz co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e realizaron unha visita á cidade para coñecer o premiado modelo pontevedrés e tomar nota neste momento no que traballan polo desenvolvemento do seu país. Segundo avanzou o Concello, a comitiva está interesada en coñecer o desenvolvemento económico da cidade vinculado ao modelo urbano.