A Fundación Galiza Sempre, celebrará este sábado 25 de xaneiro no Salón de Congresos do Pazo da Cultura de Pontevedra unha xornada de análise e debate sobre a Unión Europea.
O recén elixido presidente da Fundación, Guillerme Vázquez, presentou acompañado polo secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira, esta xornada de traballo que leva por título: "A Unión Europea non é a solución, é o problema! Hai alternativa ao espolio de Galiza".
Bieito Lobeira explicou que a pretensión é analizar as políticas da Unión Europea cun "carácter científico" para fundamentar o posicionamento político e poder "formular alternativas". "O nacionalismo galego sempre mantivo unha posición coherente, criticando un modelo comunitario brutal e cruel para un país como o noso e para as clases populares," afirmou Lobeira.
As análises que saian desta xornada "terán que dar pé á formulación de alternativas valentes e audaces en relación co futuro do noso país en relación coa Unión Europea", e apuntou Bieito Lobeira, "a posibilidade de contemplar como unha das opcións, a saída de Galicia da Unión Europea".
Trátase dunha "reflexión colectiva" arredor das políticas comunitarias fuxindo do "europapanatismo dominante", resumiu Guillerme Vázquez. "Hai que formular cuestións evidentes por moito que a maioría política deste país non o queira facer", considerou Vázquez convencido da necesidade de revitalizar o pensamento crítico.
As xornadas está abertas quen queira participar logo de inscrición na páxina web da Fundación ou o propio sábado no Pazo da Cultura antes do inicio das xornadas.