Guillerme Vázquez apela ao voto útil: "a chave da derrota do PP é o ascenso electoral do BNG"

Pontevedra
15 de outubro 2012

O voceiro do BNG pediu aos indecisos "que reflexionen, pensen e voten ao BNG". Os nacionalistas son, dixo, os que apostan por "un cambio de rumbo" en Galicia

Guillerme Vázquez durante o acto electoral celebrado na Praza da Peregrina
Guillerme Vázquez durante o acto electoral celebrado na Praza da Peregrina / PontevedraViva

Coma se dun adestrador de fútbol se tratase, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, botou man de símiles deportivos para destacar a importancia que, ao seu xuízo, teñen as eleccións do próximo domingo. "O partido non está decidido e as eleccións están abertas", explicou nun acto electoral celebrado na Praza de Peregrína, no que coincidiu brevemente con Francisco Jorquera, candidato á presidencia da Xunta.

"Un partido non se gaña nin se perde antes de xogalo", afirmou Guillerme Vázquez. "O partido do domingo ímolo gañar, porque temos unha folla de ruta e unha idea clara de como cambiar as cousas, temos un equipo conxuntado e detrás de nós unha gran afección, xente que ama este país". A partir do 21 de outubro, dixo o portavoz nacional do BNG, "gañaremos a liga, que para nós é conseguir que vivamos e traballemos en Galicia con dignidade".

Vázquez insistiu en que "a chave da derrota do PP é o ascenso electoral do BNG", polo que pediu aos indecisos "que reflexionen, pensen e voten ao BNG". Os nacionalistas son, dixo, os que apostan por "un cambio de rumbo" en Galicia. "Nós propoñemos unha oposición frontal a esta política de recortes salvaxes que só buscan seguir cebando á banca", e apuntou a necesidade de que Galicia logre un maior autogobierno e máis capacidade de decisión.

Tras denunciar que Núñez Feijóo "é incapaz de facer un balance real de goberno", Guillerme Vázquez ironizou sobre o gran compromiso electoral do PP hai catro anos, a construción do novo hospital de Pontevedra, "un proxecto ideolóxico non que non se puxo nin a primeira pedra". Ademais de afirmar que o candidato popular "non ten credibilidade", acusoulle que querer aplicar en Galicia "os recortazos de Rajoy".

Tamén se referiu o dirixente nacionalista á polémica desatada polos contratos de Pémex. Di Guillerme Vázquez que lle parece "inenarrable" o feito de que "parece que a solución dos tremendos problemas deste país vai ser a construción de dous barcos". Se falamos do sector naval, afirmou, "a verdade é que se está caendo a cachos", por culpa do veto á construción civil en Ferrol ou ao tax lease en Vigo, e Feijóo "é incapaz de petar na mesa", algo que, denunciou, "non ten que ver coa crise, senón co desleixo do PP con Galicia".

Arquivado en