Guerra entre academias: a RAE prefire Sangenjo e a RAG lembra que a única forma oficial é Sanxenxo

Sanxenxo
21 de abril 2023

A Real Academia Española di que, fóra dos textos oficiais xerados da Administración, "lo indicado es emplear la forma tradicional «Sangenjo» al hablar o escribir en español". A Real Academia Galega lembra que "só recoñece esta forma" e que as recomendacións da ONU baséanse no respecto ás formas de cada topónimo na súa lingua orixinal

Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9 coa sinalización de Sanxenxo
Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9 coa sinalización de Sanxenxo / Mónica Patxot

A presenza do rei emérito, Juan Carlos I, en Sanxenxo e a expectación que fai que todos os medios de comunicación de España poñan o foco informativo nesta vila pontevedresa volve poñer b e a forma correcta de mencionar a localidade. Como xa sucedeu no pasado, aparecen persoas e medios que nomean a vila como 'Sangenjo' e tamén críticas e debates. 

Este venres, as academias das linguas galega e española protagonizaron unha polémica ao defender cada institución unha opción como correcta e recomendable. 

Así, durante a mañá deste venres, a Real Academia Española (RAE) respondeu por Twitter á pregunta dun usuario dicindo que en textos oficiais xerados pola Administración "es preceptivo utilizar el nombre vernáculo «Sanxenxo»" mentres que fóra deses usos, "lo indicado es emplear la forma tradicional «Sangenjo» al hablar o escribir en español".

A polémica non se fixo esperar e inmediatamente xurdiron defensores e detractores das recomendacións da RAE, e moitas persoas que lembraron á Academia a lexislación que só admite Sanxenxo. Así, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG 14.07.1983), no seu artigo 10, establece: "os topónimos terán como única forma oficial a galega".

Poucas horas despois, e ante as reiteradas consultas dos medios de comunicación, a Real Academia Galega (RAE) quixo lembrar que é un topónimo galego e que Sanxenxo "é a única forma oficial recoñecida segundo a lexislación vixente".

A RAG, como institución con competencia sobre o idioma galego e o seu uso, "só recoñece esta forma" e lembra que as recomendacións do grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU) baséanse no respecto ás formas de cada topónimo na súa lingua orixinal.

Ademais, recomenda a lectura da tribuna sobre o topónimo Sanxenxo publicada no seu día na páxina web da RAG pola académica Luz Méndez, membro do Seminario de Onomástica da RAG e presidenta da Asociación Galega de Onomástica.