Marta Giráldez, alcaldesa de Meis, presentaba este martes a programación de actividades previstas para finais deste mes e a primeira quincena de xullo no municipio arredor da celebración de San Bieito e que concluirá coa tradicional celebración da Festa dos Callos.
O sábado 29 de xuño, a partir das 10.00 horas, o campo de fútbol municipal José Betanzos "Pepe" acollerá o cuarto torneo interparroquial Concello de Meis.
O mércores 10 de xullo, a partir das 11.00 horas celebrarase o oitavo Torneo de Xadrez Concello de Meis, na Casa da Cultura. A inscrición pódese realizar a través do correo [email protected] Tamén está previsto un taller de xadrez en horario matinal.
Ás 20.00 horas inaugurarase a exposición de arte de Lucas Míguez na Casa de Escudeiro. Permanecerá aberta ao público en horario matutino ata o 14 de xullo.
Ás 21.00 horas celebrarase o concerto 30 aniversario Coral Polifónica de Meis 'Músicas de sempre' coa participación das corais Xuntanza de Meis, Centro Sociocomunitario de Marín; Rosalía de Castro de Vilagarcía; Polifónica Illa de Arousa; San Sadurniño, de Cambados; e Grupo folk Añoranza de Ribadumia.
Ás 22.00 horas desa xornada continuará a música co concerto de Somoza Trío, diante da cafetería Bruselas.
O xoves 11 de xullo con motivo da festividade de San Bieito terá lugar a misa solemne cantada pola Coral Xuntanza. Pola tarde celebrarase a procesión e pasacalles a cargo da Banda de Música A Vertula.
Nesa xornada haberá sesión vermut a cargo do grupo Marcelino Pan y Vino na Praza de España. A partir das 17.00 horas, o público infantil contará cunha festa no mesmo espazo con inchables e ás 22.30 horas chegará a verbena con Fuego e o Dj Bruno Canario na Praza de España.
O venres 12 de xullo comezará ás 20.30 horas cunha actuación infantil da compañía Expresión na Casa de Escudeiro. Ás 22.30 horas, a verbena correrá a cargo de Marbella e a Banda de Ayer.
Xa o sábado 13 de xullo, ás 19.30 horas celebrarase San Cristovo coa misa de campaña na Praza de España e a bendición e procesión nos lugares de costume. Os coches mellor engalanados recibirán premios. A verbena comezará ás 22.30 horas con orquéstralas Satélites e Magos.
FESTA DOS CALLOS
A trixésimo segunda Festa dos Callos celebrarase o domingo 14 de xullo.
Ás 09.00 horas producirase a saída da proba deportiva da Ruta BTT desde as inmediacións á Praza de España.
A degustación da Festa dos Callos comezará ás 11.30 horas. O prezo por persoa é de dez euros. Obsequiarase cunha cunca e unha cazola de barro.
A reserva da mesa para catorce comensais terá un prezo de 150 euros. O teléfono de reserva é o 671.677.687.
Charanga Alambique e o Dúo La Mecánica serán os encargados de amenizar o evento.
Guadi Galego, a cantante de Cedeira, pechará esta Festa dos Callos cun concerto na Praza de España, no que fará un repaso aos seus éxitos e interpretará temas do seu último traballo discográfico 'Roibén'.