Guacamole picante con atún claro Pescamar

Pontevedra
08 de xullo 2023

Nesta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" imos elaborar unha receita tradicional de México, onde aproveitaremos todos os beneficios do atún claro, unha especie moi valorada dentro da familia dos túnidos

Guacamole
Guacamole / Foto de chandlervid85 en Freepik

Nesta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva"  imos elaborar unha receita tradicional de México, onde aproveitaremos todos os beneficios do atún claro, unha especie moi valorada dentro da familia dos túnidos.

O atún claro é coñecido polo seu nome en inglés: yellowfin tuna, traducido literalmente como atún de aleta amarela. A súa prezada carne é firme e rosada e de sabor máis suave que outros peixes da súa mesma familia.

O guacamole é unha salsa espesa propia da cociña de México e países da contorna. A súa orixe sitúase na civilización azteca, onde se elaborada machucando principalmente a polpa de aguacate, cebola, tomate, chile e especias ata conseguir unha consistencia pastosa.

Para preparar un saboroso Guacamole picante con atún claro Pescamar usaremos os seguintes ingredientes:

- 1 lata de atún claro en aceite de xirasol Pescamar

- 2 aguacates maduros

- Zume de medio limón ou lima

- 1/2 cebola

- 1/2 tomate

- Salsa tabasco (ou 1 chile xalapeño)

- Follas de coandro fresco

- Sal

- 1 cullerada de aceite de oliva virxe extra

Preparación:

Cortamos en anacos moi pequenos a cebola e o tomate. 

Picamos as follas de coandro ata obter aproximadamente media cullerada sopeira.

Escorremos o líquido da lata de atún claro en aceite de xirasol Pescamar e esmiuzamos o contido.

Á parte, abrimos os aguacates pola metade, retiramos a carabuña e, axudados dunha culler, imos depositando a polpa nun bol. Esmagamos a carne dos aguacates cun garfo ata obter unha textura grumosa.

Vertemos sobre os aguacates o zume de limón ou lima e mesturamos.

A continuación, engadimos a cebola, o tomate, o coandro, o atún claro Pescamar, a cullerada de aceite, unhas 4 pingas de salsa tabasco ou o chile xalapeño picado moi fino, e un chisco de sal.

Mesturamos todos os ingredientes. Probamos e rectificamos de sal ou ben de tabasco, podendo engadir máis pingas segundo o sabor picante que desexemos.

Servimos no mesmo bol e acompañamos o guacamole con nachos para poder mollalos nel.

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.