Grupo Spartana e Ence colaboran para protexer os niños de aves rapaces durante as tarefas forestais

Pontevedra
10 de agosto 2020

O proxecto Plan Ence de Protección de Aves Rapaces en Masas Forestais está a crear un protocolo de actuación polo que os rematantes de madeira poidan rexerse para salvagardar os niños no período sensible, desde febreiro ata agosto, evitando desta forma as tallas accidentais de árbores que albergan niños de aves protexidas

Bosque de eucaliptos
Bosque de eucaliptos / Mónica Patxot

Nos últimos anos, Ence Enerxía e Celulosa está a reforzar a súa aposta pola certificación forestal. Un 82 % da madeira que se procesa nas biofábricas de Pontevedra e Navia (Asturias) dispón de certificación forestal (FSC® Código de licenza FSC- C081854) e conta con trazabilidade de xestión.

A xestión das explotacións forestais realízase dun modo respectuoso para evitar calquera impacto no terreo e manter un equilibro no ecosistema. Con todo, neste esforzo de preservación ambiental Ence non reparara nas especies de aves que usan os eucaliptos para aniñar. O propio xerente do Grupo Spartana, empresa especializada no control de aves, mantivo unha conversa cos responsables da biofábrica que se mostraron especialmente interesados nunha problemática que ata o de agora lles pasou desapercibida. Deste xeito, a través do Plan Social de Ence, o Grupo Spartana está a desenvolver un proxecto pioneiro en Galicia co obxectivo de evitar as tallas accidentais de árbores que albergan niños de aves rapaces.

Falamos con Manuel Calvo Rey, xerente do Grupo Spartana, para saber en que consiste o Plan Ence de Protección de Aves Rapaces en Masas Forestais?

É un proxecto para salvagardar as nidificacións de aves rapaces e outras aves sensibles en masas forestais que efectivamente comprobamos que, cada vez máis, necesitan sitios para aniñar. O que deseñamos é un protocolo para formar ao comprador de madeira, ao que vai antes dos que cortan, para que saiba identificar os niños, balice a zona cando localice un e ao chegar as máquinas se atopen ese balizado e respecten a marxe de seguridade. Entre febreiro e agosto pode ser que a ave se atope en época de cría e, ou non se corta, ou o rematante decide que, como aí hai un niño, vaise cortar a partir do mes de agosto, cando xa non hai perigo para as nidificacións.

En que fase se atopa o proxecto?

Co covid tivemos que cambiar toda a planificación e o que fixemos este ano foi o deseño das formacións e preparar todo o material e as redes sociais do proxecto. O que é o estudo previo e toda a formación dos traballadores. Tivemos que adaptala porque, pola situación actual, imos ter que facer a formación online por Zoom combinada coa presencial.

A que persoas estaría destinada a formación?

Principalmente aos rematantes, que son os compradores de madeira, os que van facer a inspección previa, o censo de árbores, a taxación da madeira antes da corta. É importante que estas persoas teñan a formación adecuada para que identifiquen os niños. E despois, todos os maquinistas forestais de procesadoras, talladoras, autocargadores... van recibir unha serie de formacións por se hai algún accidente no caso de que non se detectou un niño, e entón saiban que facer e onde acudir.

Por que zonas vaise estender o proxecto?

A idea inicial antes do confinamento era abarcar toda Galicia, que non o descartamos para anos posteriores, pero agora ímonos a cinguir a unha serie de zonas nas provincias da Coruña e Pontevedra, que son as máis próximas e viables.

En que medida a axuda do Plan Social de Ence é importante para este proxecto?

Sen Ence sería inviable. Como unha das miñas paixóns son as aves rapaces, a natureza, a cetrería... en principio, o obxectivo era informar a Ence desta problemática cos niños, que ocorre ás veces cando se corta a madeira. E eles mesmos foron os que deron un paso adiante e convidáronnos a presentar o proxecto e levalo adiante co seu apoio. Dentro do compromiso ambiental de Ence vírono interesante e outorgáronnos o financiamento a través do Plan Social.

Hai algunha especie de ave que detectásedes que ten preferencia polos eucaliptos?

O que fixemos este ano foi un estudo de zonas e puntos de nidificación de aves rapaces. Pódeste atopar aves rapaces tan emblemáticas como o azor, chamado o rei dos bosques, que aniña en eucaliptos. E normalmente cando hai un niño de azor, relativamente preto adoita haber un niño de gabián. Outro podería ser o corvo carniceiro, que tamén está nun estado sensible de conservación. Ademais do famosísimo, que agora todo o mundo fala del pola velutina, o falcón abelleiro, que as ataca e é unha especie  migrante que en ocasións escolle os eucaliptos como punto de nidificación.

Se non protexemos estes niños, que consecuencias podería ter a redución da poboación de aves rapaces?

As aves rapaces son pezas fundamentais dun ecosistema. Unha soa parella de curuxas é capaz para comer 900 ratos nunha soa tempada de cría. En Castela foi unha das grandes solucións que se atopou para o problema das toupiñas ou para a rata-toupa que arrasaba as praderías da zona central de Lugo. As aves rapaces cumpren unha función básica de axente de control de pragas. Os azores, por exemplo, son os grandes depredadores das choias, que como todas as especies da familia dos córvidos (choias, pegas, grallas...) son moi perniciosos para os cultivos, levantan os campos de millo, cómeno cando xa está alto, tamén outros cereais, as uvas... Cando hai unha poboación estable de azores, a familia dos córvidos está en harmonía, nunca se dispara. E aquí máis preto, na zona de Pontevedra e O Salnés, o gabián é un dos grandes depredadores dos estorniños, que tan perniciosos son durante a colleita da uva. O que fan os gabiáns é que dispersan as bandadas de estorniños e así non producen diminución nun punto concreto.

Arquivado en