Un ano máis, e xa van cinco, mergulladores da confraría de pescadores de San Xulián, na a Illa de Arousa e submarinistas do Club Subacuático Pérez-Sub, uniron as súas forzas para levar a cabo unha gran limpeza de lixos mariños nos fondos da ría de Arousa.
En concreto, foi na contorna dun dos lugares máis privilexiados da ría de Arousa, o illote coñecido como Guidoiro Pedregoso.
Os participantes, convocados por Afundación no marco do programa ambiental Plancto, conseguiron retirar aparellos de pesca extraviados e que xa avistaran durante as anteriores operacións de limpeza, como redes, pneumáticos, nasas e cabos.
Esta operación de retirada do que se coñece como pesca pantasma contribúe significativamente a garantir a conservación da rica biodiversidade existente neste espazo.
Ademais, un pequeno operativo de persoas voluntarias desembarcou tamén en terra para retirar lixo en superficie depositada nas rocas do illote pola acción das mareas.

Trece embarcacións e corenta e nove persoas participaron neste operativo, que concluíu co traslado a terra de todos os residuos retirados do mar.
Tras a pesada final realizada no porto do Xufre, a balanza reflectiu un total de 2.500 quilos.
Tras as sete actuacións levadas a cabo no marco deste programa nos illotes da Illa de Arousa son xa case oito toneladas de lixo mariño retiradas deste paradisíaco enclave.
