A gripe B incrementa o número de ingresos por patoloxías respiratorias en Montecelo

Pontevedra
14 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:09

Segundo a dirección da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés está a rexistrarse nos últimos dez días un aumento de ingresos hospitalarios principalmente debido á gripe B e virus sincitial respiratorio

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés rexistra un incremento de ingresos hospitalarios por patoloxías respiratorias nos últimos dez días, principalmente debido á gripe B e ao virus sincitial respiratorio.

Segundo fontes de dirección, aínda que o volume total de pacientes continúa dentro dos rangos habituais para esta época do ano, destaca o aumento de casos que precisan medidas especiais e hospitalización.

A gripe B ten como síntomas habituais un inicio súbito de febre alta; dores musculares e articulares intensas; dor de cabeza; fatiga e debilidade; dor de gorxa; conxestión nasal e tose seca, segundo a Organización Mundial da Saúde.

Tende a ser menos agresiva que a gripe A e os síntomas duran entre 5 e 7 días.

Para dar resposta a esta situación de aumento de ingresos, a área sanitaria ten activado o Plan de Inverno 2024-2025, que inclúe o reforzamento do persoal de enfermería e TCAE no servizo de Urxencias, así como a habilitación de áreas de expansión.

Desde a área sanitaria tamén se fai un balance de atención nos servizos de Urxencia hospitalarios en Pontevedra e no Salnés.

Os datos das primeiras dúas semanas de 2025 amosan unha intensa actividade asistencial:

Un total de 14.047 asistencias foron atendidas entre o 1 e o 12 de xaneiro

  • 3.596 urxencias no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra: 2.554 no Hospital Montecelo e 1.042 no Hospital Provincial

  • 1.966 urxencias foron rexistradas no Hospital Público do Salnés

  • 8.485 asistencias realizáronse nos nove Puntos de Atención Continuada (PAC) con 2.736 nos PAC de Cambados e Vilagarcía, mentres que 5.749 nos restantes sete PAC do distrito de Pontevedra.

O Plan de Inverno, deseñado polos profesionais sanitarios, segundo a Xerencia da área sanitaria, céntrase en previr as consecuencias graves das infeccións respiratorias. 

Ao mesmo tempo tamén se busca mellorar a accesibilidade ás urxencias e minimizar os riscos de transmisión hospitalaria durante estes meses de máis incidencia.