O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, expoñía este martes as actuacións que se realizan neste 2022 na Rede Provincial de Estradas. Sinalou que se está a experimentar unha profunda transformación desde 2016 cun novo modelo de mobilidade segura e integral.
Apuntou que o investimento para as 36 grandes obras de seguridade viaria previstas para este ano ascende a 14.075.896 euros e, por este motivo, considera que se trata dun ano "histórico" grazas a unha planificación "seria, con rigor" colaborando cos municipios para redactar os proxectos.
"Nunca antes a Deputación fixo tantas obras simultaneamente, nin dedicou tantos recursos, estamos a falar dun esforzo sen precedentes", afirmou. Das 36 grandes intervencións, 20 xa se atopan en proceso de execución mentres que as restantes xa se adxudicaron ou se atopan co procedemento de licitación iniciado e espérase un inicio inminente. Agís agradecía a colaboración cos Concellos para acometer estes proxectos.
Tamén se atopas xa redactados e pendentes da acreditación da titularidade dos terreos por parte dos Concellos outros 41 proxectos, cun investimento de 34 millóns de euros.
O deputado afirmou que ese total de 77 actuacións de seguridade viaria supoñen un "paso importantísimo" para transformar as vías de comunicación provinciais. Fronte á situación dos gobernos do PP anteriores na Deputación con gobernos locais "que protestaban porque non se executaban obras nas estradas provinciais do seu territorio, agora os concellos reciben chamadas continuas desde a Deputación para preguntarlles como van nos seus trámites" para acometer eses traballos nas estradas.
Segundo a Deputación hai convenios previstos cos seguintes concellos atendendo a "criterios técnicos" con proxectos destinado a garantir a seguridade viaria: Arbo, Sanxenxo, Gondomar, Redondela, Moaña, Barro, Cangas, Meaño, Meis, Cuntis, Meis, Vilanova de Arousa, Salvaterra de Miño, O Rosal, Tomiño, Vila de Cruces, Ribadumia, Silleda, Illa de Arousa, Dozón, Valga, Tomiño, As Neves, Tui, O Porriño, Marín, Rodeiro, Vilaboa, Fornelos de Montes, Portas, Lalín, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Forcarei, Catoira, Pazos de Borbén, Mos, A Estrada, Moraña, Oia, Mondariz, Bueu, A Cañiza, Caldas de Reis, O Grove e Nigrán.
Neste sentido o representante do goberno provincial afirmaba que a Deputación achega o 80%, 70% ou 60% dos investimentos en relación coas condicións establecidas nos convenios "en plena igualdade de condicións" goberne quen goberne. Lembrou que no últimos seis anos levou a cabo unha transformación das estradas da provincia e lamentou que o Partido Popular tente "distraer a antención e desvirtuar o debate poñendo o foco sobre reclamacións illadas, que responden a iso que o PP entende como intereses do seu partido".
Por último, criticou a actitude da Xunta de Galicia que, segundo os datos que figuran no Portal de Transparencia, só estableceu tres convenios de seguridade viaria con municipios de Pontevedra e os tres atópanse "gobernados polo PP": Sanxenxo, Valga e Salvaterra. Lamentou que a administración autonómica só contempla un investimento nestes convenios de 2.631.085 euros, a pesar de que a Xunta conta con 152 estradas e 1.155 quilómetros de vías da súa titularidade na provincia, fronte ás 377 e 1.700 km. que pertencen á Deputación.