Gregorio Agís agarda que Tambo acolla visitas guiadas de xeito regular este verán

Poio
09 de xuño 2022

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), deu parte aos colectivos que integran a Comisión de Seguimento dos avances realizados en cuestións como a solicitude de definición de ENIL ou o Plan de Usos, coordinado polo arquitecto Sergio Portela

Illa de Tambo
Illa de Tambo / Mónica Patxot

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, deu conta na Comisión de Seguimento da Illa de Tambo, dos avances e tramitacións que se están levando a cabo ao longo dos últimos meses, logo de que a Administración local acadase a concesión demanial deste enclave. 

Agís sinala que "seguimos na liña correcta para conseguir que este mesmo verán a illa poida acoller visitas guiadas de xeito regular, o que sen dúbida servirá para engadir un novo reclamo turístico de categoría para o noso municipio en plena tempada estival". 

Nesta sesión de traballo estivo presente o arquitecto Sergio Portela, encargado de coordinar o Plan de Usos de Tambo. 

Na convocatoria tamén se informou sobre os pasos que se están a dar desde o departamento de Promoción Económica e Urbanismo para solicitar a definición de Tambo como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), unha figura que "entendemos que será a máis efectiva para garantir a preservación deste enclave, ao mesmo tempo que potenciamos a súa recuperación e posta en valor". A maiores, na reunión abordáronse asuntos como o aforo das visitas e outros detalles. 

Por outra banda, o responsable de Promoción Económica e Urbanismo tamén mantivo esta mesma semana un encontro con responsables da Escola Naval Militar de Marín no que foi a celebración da primeira Comisión Mixta de Tambo desde a firma da concesión demanial. 

Gregorio Agís recorda que no pliego de condicións establécese a convocatoria deste órgano cada seis meses, para analizar os avances que se vaian acadando na consolidación da apertura de Tambo. A concesión demanial contempla unha duración inicial de 25 anos, prorrogable, que equivale a "tempo máis ca suficiente para acadar a titularidade municipal da Illa e que nos permite ir dando pasos para facer deste lugar un punto de referencia a nivel patrimonial, paisaxístico, cultural e turístico", apunta Agís Gómez.

O edil do PSdeG-PSOE participou este xoves nunha das excursións organizadas pola Concellería de Mocidade, en colaboración coa área de Promoción Económica, na que toman parte preto de 100 estudantes de terceiro da ESO do Instituto de Poio. 

 

Arquivado en