O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, considera que o alcalde de Cerdedo-Cotobade decidiu "resucitar" a ampliación do tramo Fondós-Bugarín da estrada de Quireza, EP-7102, "para tratar de agochar a súa incapacidade total e absoluta para cumprir co compromiso da posta a disposición da Deputación dos terreos necesarios para a gran transformación da estrada EP-0405, entre Xesteira e Almofrei, que é a actuación que Cubela sempre priorizou".
Este último proxecto está valorado en 957.890 euros, redactado dende xuño do ano pasado e listo dende entón para licitar, unha vez que o Concello cumpra coa súa parte e asine o convenio coa Deputación.
"Véxome obrigado a recordarlle ao señor Cubela que tivemos varias xuntanzas con el para a planificación das infraestruturas provinciais no seu concello e a súa prioridade, polo menos ata o de agora, sempre foi a estrada de Almofrei. E co proxecto redactado e os recursos económicos reservados á espera só de que nos poñan a disposición dos terreos, ao alcalde dáselle por falar doutra cousa. É evidente que optou por resucitar o vello asunto de Quireza para tratar de tapar a súa incapacidade para cumprir os acordos coa estrada de Almofrei", declarou Agís.
"O que ten que facer o señor Cubela é aclararse. Se cambiou de prioridade, polos motivos que sexan, ten que pedir unha xuntanza, cousa que, a pesar das súas afirmacións públicas, aínda non fixo", engadiu o deputado socialista.
O responsable de Infraestruturas da Deputación acláralle tamén ao alcalde de Cerdedo-Cotobade que o proxecto de ampliación a 7 metros de sección do tramo Fondós-Bugarín na estrada de Quireza tamén está redactado e, ao igual que o de Almofrei, á espera de que o Concello comunique a dispoñibilidade dos terreos.
"Agrádanos que o PP, por fin, caera da burra despois de pasar anos reclamando unha sección da plataforma de 9 metros cando os servizos técnicos sempre defenderon os 7 metros, tanto por razóns de seguridade viaria como pola baixa intensidade media de tráfico desta vía", explica Agís.
O deputado e Infraestruturas apunta que "Jorge Cubela debería explicar á veciñanza do seu concello por que as obras destas dúas estradas, a de Almofrei e a de Quireza, non están xa en licitación. Será, en todo caso, porque el como alcalde, non fixo os seus deberes. Así que agradeceriamos que non trate de enganar e que non minta á xente".
RESPOSTA DE CUBELA
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acusou ao deputado socialista de Infraestruturas na Deputación Provincial, Gregorio Agís, de "mentir descaradamente sobre o proxecto de mellora da estrada de Almofrei que foi xa paralizada no seu momento polo primeiro goberno Bipartito cando estaba xa para executarse".
Cubela considera unha "falta de respecto e lealtade aos veciños e veciñas de Almofrei que despois de ser capaces ambas administracións de aparcar as diferenzas e traballar conxuntamente nun novo acordo, se ataque ao alcalde do concello, que estivo durante todo este tempo traballando na consecución dos terreos, cando foi solicitada unha reunión para entregar os terreos acadados".
Engade Cubela que "se non lle valen as sinaturas que se entregaron xa no 2012, dos veciños de Serrapio e de Bugarín, para o ensanche do acceso a Quireza, os veciños están dispostos a ir en procesión, agora en Semana Santa, ata a Deputación a asinar personalmente a ver si desta vai a estrada de Quireza, xa que por fin teñen o proxecto", indicou o alcalde indignado.
Por outra banda, o alcalde ante as acusacións do deputado socialista de "resucitar" a ampliación do tramo Fondós-Bugarín, en Quireza, a raíz do conflicto sobre a estrada de Almofrei, Jorge Cubela manifestou que "para nós son tan prioritarias as obras que ten pendentes de executar a Deputación en Almofrei como en Quireza e viceversa ou en calquera outro lugar do noso municipio. O que non imos en ningún caso é a renunciar á defensa dos dereitos de veciños de Almofrei, de Quireza ou de calquera outra parte, faltaría máis. Reclamaremos o que é xusto sexa onde sexa e o tema de Almofrei, como o da estrada de Fondós a Bugarín coa Deputación xa pasa de castaño oscuro. É unha vergoña que a estas alturas siga a Deputación buscando escusas de mal pagador para non facer efectivos os compromisos feitos ante os veciños e que, como nestes casos, que contan cun proxecto redactado e valorado desde hai tempo e estea pendente de sacar a contratación e execución, xa que en ningún momento das conversas dende a Deputación se dirixiron a min para ter que recabar sinaturas no ensanche da estrada de Quireza, por eso lles pedín unha reunión, tendo coñecemento que xa teñen o proxecto listo, para coñecer prazos e vontade", sinalou Cubela.
CASA CONSISTORIAL
O deputado aproveitou a ocasión tamén para expresar a preocupación da Deputación pola obra financiada a través do plan ReacPon en Cerdedo-Cotobade. Un proxecto valorado en 489.989 euros para o acondicionamento integral da Casa do Concello, dos que a Deputación achega 391.991 euros. A licitación das obras quedou deserta e, dende entón, non hai máis novas sobre o estado do expediente. Agís lémbralle ao alcalde que, segundo as bases do ReacPon, a actuación debe estar finalizada en abril de 2023, polo que exhorta a Jorge Cubela a telo en conta. "Está o alcalde facendo algo con este asunto?", pregunta Agís.
Cubela manifestou que "Agís non sabe ou non se entera ou, o que é peor, actúa de mala fe como voceiro do Psoe local, porque sabe que a licitación das obras quedaron desertas pola aplicación duns prezos que coa crise e a inflación quedaron desfasados polo que, os técnicos municipais, fixeron un estudio e recabaron información que xustificaba nesa razón a ausencia de puxadores polas obras. De todo isto se lle informou hai máis dunha semana por rexistro á Deputación polo que sabe perfectamente da nosa preocupación e do noso traballo. Nese escrito se lle facía partícipe á Deputación do problema e se solicitaba a súa colaboración para que pudera ser subasanado e, de momento, non obtivemos resposta", indicou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.