'Gravadas na memoria', un proxecto audiovisual da Deputación con testemuños da represión franquista

Pontevedra
04 de febreiro 2023

Os vídeos estarán disponibles a través da páxina web da Deputación de Pontevedra e divulgaranse entre os colectivos de memoria e os centros de ensino da provincia. As responsables da recollida de información e de realizar as entrevistas coas persoas protagonistas dos vídeos foron Eva Mejuto e María Xesús López Escudeiro

Presentación de ‘Gravadas na memoria’, un proxecto audiovisual da Deputación
Presentación de ‘Gravadas na memoria’, un proxecto audiovisual da Deputación / Deputación de Pontevedra

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra presentou este venres o proxecto 'Gravadas na memoria', unha iniciativa que recolle en cinco pezas audiovisuais a testemuña de persoas que viviron moi de preto a represión franquista. 

Os vídeos estarán disponibles a través da páxina web da Deputación e divulgaranse entre os colectivos de memoria e os centros de ensino da provincia. As responsables da recollida de información e de realizar as entrevistas coas persoas protagonistas dos vídeos foron Eva Mejuto e María Xesús López Escudeiro. 

Nunha rolda de prensa celebrada este venres a deputada de Memoria María Ortega explicou que o proxecto púxose en marcha porque pasadas case nove décadas do alzamento fascista xa é moi complicado atopar testemuñas directas e "parecíanos vital que non se perdesen as súas voces".

As gravacións teñen unha duración aproximada de 50 minutos cada unha e permiten facer un percorrido pola memoria do tempo republicano, nomeadamente da escola, do golpe, ou da represión que chegou despois, tendo un protagonismo moi especial a illa de San Simón. Dáse voz a persoas de diferentes comarcas da provincia que no seu momento estiveron na illa visitando os seus familiares no tempo que foi cárcere e incluso se recollen as verbas da descendencia dun dos matrimonios que se forxou entre un preso e unha madriña.

'Gravadas na memoria' forma parte dun proxecto de recuperación da memoria en primeira persoa que se completa coa edición de relatos autobiográficos como o de Mariví Villaverde, e co programa 'Cae de caixón' que recompila fotografías e documentación en mans de particulares para facelas públicas a través de Atopo, o buscador provincial.