Moitas cámaras e móbiles, música, varias ducias de persoas intrigadas e, ao fin, luces. A inauguración da nova iluminación da ponte do Burgo xuntou este martes todos eses ingredientes. Despois de varios meses de traballos para alumear a ponte xa reformada, a expectación era máxima para o acto oficial do acendido e, cando por fin se produciu, algúns espontáneos mesmo se puxeron a aplaudir. Todos, case sen excepción, sacaron o móbil e retrataron o momento.
A partir das dez da noite produciuse a apertura da mostra sobre a ponte do Burgo instalada ao carón da ponte, á que asistiron concelleiros de todos os grupos municipais (BNG, PSOE, PP e Cidadáns) e despois chegou a quenda da inauguración oficial por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Asistiron os mesmos representantes políticos municipais sentados en cadeiras instaladas para a ocasión gardando todas as medidas de seguridade e un público ao que se esixía o uso de máscaras e entre o que se promovía que se respectasen as distancias de seguridade.
Despois dunha canción interpretada polo cuarteto de corda da Orquesta Filharmónica Cidade de Pontevedra, chegou o momento máis agardado e ás dez e media produciuse o primeiro acendido monumental da ponte. Media hora despois, foi o acendido ornamental con luces de cores.
O cuarteto acompañou o acendido e deleitou o momento que tanto interese despertou entre a cidadanía. Mentres interpretaba as pezas 'A primavera' e 'O verán' de Vivaldi, desde ambas marxes do río, e entre a ponte de Santiago e a ponte das Correntes, un elevado número de pesoas observou o espectáculo. Algúns fixérono desde enriba da propia ponte.
Lores, no seu discurso afirmou que se escribe un novo fito na historia da cidade coa recuperación do perfil orixinal da ponte do Burgo. Lembrou que a obra é un tributo e unha homenaxe á preservación da identidade da cidadanía pontevedresa ao tratarse da ponte primixenia, orixe do nome da capital.
O rexedor referiuse a que, durante máis de 800 anos, esta infraestrutura permitiu o tránsito de persoas e a conexión da cidade co exterior favorecendo a conexión intercultural e a desaparición de fronteiras. Fernández Lores remontouse ao nacemento da ponte romana da que apenas quedan vestixios para continuar relatando a sinatura, en 1165, da Paz do Lérez entre os reis Fernando II de Galicia e Alfonso I de Portugal sobre a que se denominaba "a ponte vella". Esa ponte do século XII con 15 arcos foi adaptándose á cidade medieval e ao seu comercio marítimo.
A partir do século XIV, a construción foi perdendo arcos ata chegar aos once establecidos no século XX. En 1954 alargouse ata superar os 11 metros para dar cabida ao tráfico de motor con reforzos na súa estrutura.
Fernández Lores indicou que despois de distintos avatares ao longo de oito séculos é momento de que a ponte se adapte ao modelo urbano sostible que se desenvolve na cidade e por tanto, a intención é que se converta nun punto de paseo e de encontro para a poboación, ademais dun miradoiro sobre o río e zona de paso para as persoas que realizan o Camiño a Santiago.
Desde o goberno local destácase que tamén se elimina a contaminación lumínica coa nova tecnoloxía de iluminación estreada este martes que se integra na varanda eliminando cableado e armarios eléctricos na instalación. Destacou o traballo realizado pola empresa pontevedresa Setga neste deseño de vangarda e de nivel internacional para que a ponte do Burgo sexa un espazo de luz que manteña o carácter hospitalario e acolledor da cidade.
As obras de remodelación da ponte e da súa contorna comezaran o 7 de marzo do pasado ano e foran adxudicadas por un orzamento de 2.057.000 euros. O proxecto permitiu acondicionar un espazo público de referencia na cidade, dotándoo de preferencia peonil e apostando pola recuperación e posta en valor do patrimonio que representa.