A boa resposta do público anima a continuar co TapeaPoio en 2025

Poio
14 de outubro 2024

Nos próximos días sortearanse os premios ao público, que se entregarán, xunto cos galardóns ás mellores tapas, o 25 de outubro

Rocío Cochón nun dos locais participantes no TapeaPoio
Rocío Cochón nun dos locais participantes no TapeaPoio / Concello de Poio

O Concello de Poio fixo un balance moi positivo da I edición do Certame Gastronómico "TapeaPoio", rematado este domingo "despois de dez días de gran acollida".

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, destacou a satisfacción que lle transmitiron os responsables dos once establecementos participantes, que confirmaron unha "moi boa resposta do público" e unha importante repercusión, tanto en reservas como en promoción turística e proxección, segundo dixo.

O número de clientes que se interesaron polas tapas foi "moito maior do agardado", e houbo  "un gran número de persoas" que descubriron os distintos establecementos por primeira vez grazas ao certame.

Rocío Cochón comentou que a gran maioría de participantes xa confirmaron que repetirán o ano que vén, e moitos outros que non participaron este ano mostraron a súa intención de tomar parte en futuras edicións, polo que "xa podemos confirmar que TapeaPoio terá continuidade en 2025".

Un dos grandes atractivos do certame foi a dotación de premios para hostaleiros e clientes. Cochón subliñou que neste momento estanse recompilando todos os datos da organización, así como preparando o sorteo dos premios ao público, que se realizará durante esta semana e se irán comunicando os gañadores nos próximos días.

Estes premios, xunto cos galardóns ás tres tapas máis valoradas polo público, entregaranse o próximo día 25 de outubro no Pazo de Colón.