Goyo Revenga pide que Pontevedra declare o "estado de emerxencia climática"

Pontevedra
10 de setembro 2019

Goyo Revenga explicou en rolda de prensa que con esta declaración a Boa Vila posiciónase como cidade pioneira no noso país, xunto con Barcelona, na loita efectiva contra o quecemento global

Goyo Revenga, concelleiro de Cidadáns
Goyo Revenga, concelleiro de Cidadáns / PontevedraViva

O concelleiro de Cidadáns, Goyo Revenga, presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que solicita que o Concello de Pontevedra declare o Estado de Emerxencia Climática, asumindo compromisos reais para loitar contra o quecemento global.

Goyo Revenga explicou en rolda de prensa que con esta declaración a Boa Vila posiciónase como cidade pioneira no noso país, xunto con Barcelona, na loita efectiva contra o quecemento global.

Esta declaración implica poñer en marcha unha "folla de ruta vinculante" para facer do municipio un "referente en desenvolvemento sustentable".

Ademais Cidadáns prentende que o Concello establezca compromisos políticos, normativos e recursos para reducir nun 50% a emisión de gases de efecto invernadoiro co ano 2030 como data límite, abandonar os combustibles fósiles, promover a eficiencia enerxética nas novas construcións e facilitala nas antigas.

Outras propostas son fomentar o autoconsumo enerxético nas instalacións do Concello e a mobilidade sustentable, cun transporte urbano eco eficiente (taxis e autobuses eléctricos, carrís bici...), para o que é necesaria a instalación de electrolineras e hidroxeneras que axuden á transición do uso de vehículos de combustión a eléctricos.

A moción de Cidadáns tamén pide facer unha xestión responsable da auga e que se potencien os sistemas de recollida de lixo eficientes (compostaxe, puntos limpos urbanos, illas de recollida adecuadas), buscando eliminar os envases de plástico cun horizonte de 2030.