Goretti Sanmartin: "Recuperar o Pazo de Meirás suporía esa primeira vitoria contra o Franquismo"

Pontevedra
11 de setembro 2020

A exdiputada provincial do BNG que impulsou o movemento de recuperación do emblemático inmoble desde a  Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, participa na segunda edición das Xornadas de Memoria Histórica que organiza a  Deputación de Pontevedra e que centra este ano na Transición

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin / Mónica Patxot

A Deputación Provincial organiza estes días no Pazo de Cultura de Pontevedra a segunda edición das Xornadas de Memoria Histórica que este ano están centradas na Transición e na divulgación doutro discurso diferente ao oficial. O obxectivo é analizar como se pasou da dictadura á democracia no 78 cun discurso pactado, homoxéneo e acrítico coas institucións e organismos implicados poñendo de manifesto as súas eivas e erros. Goretti Sanmartín, unha das impulsoras do movemento para a recuperación do Pazo de Meirás desde a Deputación da Coruña, é unha das poñentes e antes da súa conferencia explica para PontevedraViva a importancia que ten a recuperación deste emblemático inmoble do concello de Sada.

- Que lle parece que se fagan xornadas adicadas á memoria histórica como a que está a desenvolverse en Pontevedra?

Paréceme que son fundamentais. É moi importante que unha institución como a Deputación teña esa iniciativa de conseguir xuntar a xente relevante que trate un tema crucial como é o de facer historia sobre a Transición. Cal foi ese proceso, como foi, cales son as verdades e mentiras que se contan e que se faga un recoñecemento ás vítimas do Franquismo é algo que temos enriba da mesa no día a día. Transmitilas por streaming é importantísimo, como tamén o é que poidamos escoitar a investigadores e que se difundan os seus traballos.

- A súa conferencia trata sobre o Pazo de Meirás, semella que a súa recuperación como ben de titularidade pública está máis preto que nunca.

A sentenza do 2 de setembro pon enriba da mesa que por primeira vez se fai unha revisión de cal era a situación dos abusos do Franquismo, do expolio, cuestiónanse cales eran os negocios de Franco e tamén cuestiona o patrimonio de distintas familias cercanas ao réxime, como os herdeiros de Franco. Chega despois dun traballo longo que fixeron as asociacións pola recuperación da memoria histórica, que levan décadas pelexando por Meirás despois dun traballo de investigación importantísimo feito por Carlos Babío e Manuel Pérez descubrindo como foi todo o expolio de Meirás.

Tamén houbo un compromiso institucional, no que eu participei desde a Deputación da Coruña. Quixemos darlle a volta, porque a Deputación historicamente contribuiu para que Franco tivese ese pazo como residencia de verán durante tantas décadas. Agora por xustiza é unha obriga reparar ese dano. Conseguimos incluir universidades, concellos, institucións e con todo iso fixemos un informe histórico e xurídico que son as liñas fundamentais que agora a Avogacía do Estado tamén defende neste xuizo. O proceso vai ser longo, pero é unha vitoria moi importante e está moi fundamentada.

- Por que houbo que agardar ata 2020 para conseguir este primeiro triunfo?

Houbo unha especie de inmobilismo en que nada se tocase. Pero é certo que desde determinados lugares se intentou que este proceso comezara antes. Desde o movimiento asociativo, desde o Concello de Sada no 2008 conseguiuse que a Xunta declarara BIC o Pazo de Meirás, que houbese a obriga de abrilo ás visitas, nas que a Fundación Francisco Franco facía apoloxía do Franquismo. Déronse unha serie de circunstancias onde pouco a pouco se desencadenou que puidésemos pelexar. Tamén porque as institucións acabaron poñéndose de parte do que decían os colectivos a prol da memoria histórica. Os procesos son sempre longos e sobre todo diante de algo que se quere impoñer, que é o silencio. Iso foi determinante para que non se avanzara máis e máis rápido.

- Vostede estivo neses comezos do proceso, houbo moitos impedimentos para poñelo en marcha?

Foi difícil. Tiñamos claro que era unha prioridade da nosa liña de traballo. O máis complicado é sempre vencer as resistencias das institucións e das persoas que consideran que é mellor non tocar determinados asuntos. Hai persoas e grupos que nos arrouparon que estaban moi convencidos de que isto se podía gañar, ese foi o noso labor. Encargamos un informe histórico e outro xurídico, conseguimos unir todas as pezas e conseguimos mover ao Estado para interpoñer a demanda.

- Se se consegue a titularidade pública, a que debería adicarse o Pazo de Meiras?

Unha vez que se consiga, hay que conseguir logo a transferencia para Galiza. Eses serían os deberes fundamentais. Terá que ser un lugar fundamental para facer actividades relacionadas coa memoria histórica. E debe estar tamén ao servizo sempre da veciñanza de Meirás que tamén sufriu moito con isto.

- E a nivel simbólico que supoñería para Galicia e a democracia esta recuperación?

Suporía esa primeira vitoria contra o Franquismo e esa posibilidade de continuar porque non esquezamos que os Franco teñen outros poderes, outras propiedades que non lles pertencían e cuxas apropiacións foron bastante irregulares como Casa Cornide, as esculturas do Mestre Mateo do Pórtico da Gloria ou as Pías de Moraime. Significa abrir as portas para continuar a loita contra eses privilexios que aínda continúan existindo na sociedade actual.