Gordo de Nadal: o 77768, un cuarto premio moi repartido en Caldas, Vilanova, Pontevedra e O Grove

O Salnés
22 de decembro 2024
Actualizado: 16:50

"Son unos 200.000 euros que están libres de impuestos", comentou Isabel Castellón, propietaria da administración de Vilanova que vendeu unha tira completa do número 77768

77768, cuarto premio da Lotería de Nadal 2024
77768, cuarto premio da Lotería de Nadal 2024 / PontevedraViva

El Gordo do sorteo extraordinario da Lotaría de Nadal chegou, a través dun cuarto premio moi repartido a Caldas de Reis, Vilanova, Pontevedra e O Grove.

O número 77768 saíu agraciado cun premio deste sorteo, que supón 20.000 euros o décimo.

Vendeuse en administración número 1 da rúa Juan Fuentes de Caldas de Reis, no número 1 da avenida Augusto González Besada de Vilanova de Arousa, na oficina da rúa Juan Bautista Andrade de Pontevedra e o punto de venda da Aldea comercial dA Toxa, nO Grove.

A sorte deste 77768, cuarto premio, tamén salpicou a outras localidades da provincia de Pontevedra, como Vigo, Porriño, Salceda de Caselas ou Moaña.

PONTEVEDRA

En Pontevedra vendeuse un décimo dun cuarto premio do sorteo de nadal deste domingo, correspondente ao número 77.768, é dicir, 20.000 euros para a persoa afortunada.

Este décimo vendeuse na panadería pastelería de A Devesa situada fronte ao estadio de Pasarón na rúa Juan Bautista Andrade que, desde hai dous anos é tamén unha administración de Lotería.

Administración de Lotaría nº1 de Vilanova de Arousa
Administración de Lotaría nº1 de Vilanova de Arousa    Loterías y Apuestas del Estado

VILANOVA

A propietaria desta administración número un de Vilanova de Arousa situada na avenida Augusto González Besada, Isabel Castellón, vendeu unha tira completa deste cuarto premio. Isto é, vendeu 200 euros xa que unha tira é un billete con 10 décimos.

Cada un deles reparte unha cantidade total de 200.000 euros por serie, o que equivale a 20.000 euros por décimo e 1.000 euros por euro xogado.

"Probablemente sea todo gente de aquí, salió este mes en ventanilla y ya no hay turistas", comentou a loteira.

"Son unos 200.000 euros que están libres de impuestos", comentou Isabel Castelló que recibiu a noticia cando estaba en Pontevedra polo que tivo que regresar apurada a Vilanova.

Nunca antes esta administración número un de Vilanova de Arousa fora agraciada cun premio do Sorteo extraordinario de Nadal. Si que tiveron moitas Quinielas premiadas pero, sobre todo, un Primeiro Premio da Primitiva no sorteo do 2 de abril de 2011 nunha combinación gañadora que deixou 11,5 millóns de euros.

Administración de Lotería nº1 de Caldas de Reis
Administración de Lotería nº1 de Caldas de Reis     Loterías y Apuestas del Estado

CALDAS DE REIS

A Administración de Lotarías 'O Camiño Real' en Caldas tamén vendeu unha serie do 77768, o que supón 200.000 euros en cada serie e tradúcese en 20.000 euros ao décimo.

O propietario desta administración, Miguel Martínez, apuntou quetodo se vendeu este verán en portelo polo que cre que os afortunados poden ser peregrinos. En todo caso, sinala que esta unha suposición debido a que descoñece a identidade dos compradores.

Esta administración xa empezou con bo pé o ano pois o pasado 7 de xaneiro validou un premio de 14 acertos da Quiniela.

"Estamos moi contentos pero un cuarto premio xa se nos queda curto", afirma Miguel Martínez lembrando que no ano 2021 aquí vendeuse un cuarto premio da Lotaría Nacional do Sorteo extraordinario de Nadal. O 91179, foi entón o número da sorte do que se repartiran 38 series, é dicir, 7,6 millóns de euros, dos que algúns foran parar ao bar A Bodeguilla.

Moito máis lonxe quédanos o ano 2009 cando esta administración despachou un quinto premio deste sorteo de Nadal, agraciado entón con 5.000 euros ao décimo.