Gonzalo Durán defenderá ante o Constitucional que os seus insultos a Carmela Silva son liberdade de expresión

O Salnés
17 de outubro 2021

"Entendemos que a sentenza vulnera o dereito fundamental á liberdade de expresión de Gonzalo Durán, consagrado no artigo 20 da Constitución Española, por iso interpoñeremos este recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional", anunciaban este sábado desde o Concello de Vilanova de Arousa

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa
Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa / Concello de Vilanova de Arousa

O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, discrepa coa sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra que ratifica a condena como autor responsable dun delito de falta de respecto e consideración debida á autoridade polas súas manifestacións contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva a quen se referiu de "chacha para todo".

O alcalde popular segue considerando que os seus insultos, de alto contido alto contido sexista e machista segundo a Xustiza, son "liberdade de expresión" e por iso sopesa recorrer ante o Tribunal Constitucional, presentando un recurso de amparo.

"Entendemos que a sentenza vulnera o dereito fundamental á liberdade de expresión de Gonzalo Durán, consagrado no artigo 20 da Constitución Española, por iso interpoñeremos este recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional", anunciaban este sábado desde o  Concello de Vilanova de Arousa.

No caso de que o Constitucional tampouco lle da razón Durán está disposto a recorrer ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo xa que "o dereito á liberdade de expresión está previsto e tutelado polos diversos tratados internacionais en materia de dereitos humanos, dos que é parte o Reino de España". 

O alcalde vilanovés tamén descarta dimitir, tal e como lle piden desde o PSOE.