Gonzalo Caballero afirma que "a situación de Ence en Pontevedra non cambiou coa aprobación da Lei de Cambio Climático"

Pontevedra
09 de abril 2021

O secretario  xeral do Partido Socialista de Galicia (PSdeG), Gonzalo Caballero defendeu a postura do Partido Socialista "que se manteñan os postos de traballo, pero o enclave de Ence a longo prazo non pode estar situado onde está" polo que instou a todos os actores implicados neste asunto para que "cooperen e colaboren" nunha "mesa de futuro"   

Gonzalo Caballero con membros da Executiva local do PSOE de Pontevedra
Gonzalo Caballero con membros da Executiva local do PSOE de Pontevedra / Isabel Feijóo

O secretario  xeral do Partido Socialista de Galicia (PSdeG), Gonzalo Caballero sinalou que "a situación de Ence en Pontevedra non cambiou coa aprobación da Lei de Cambio Climático". 

O Congreso dos Deputados aprobou onte xoves ese proxecto de lei incluíndo finalmente o polémico artigo 18 cos seus apartados 18.3 e 18.4, criticados desde Galicia tanto pola Xunta como polo sector mar-industria que defenden que limitarán as concesións en terreos de dominio público marítimo terrestre. 

Agora o proxecto de lei ten pendente un último trámite no Senado e, dada a súa tramitación urxente, podería entrar en vigor este mes de abril.

Gonzalo Caballero sinalou que combater o cambio climático "é un reto que temos como sociedade", e referíndose ao futuro da fábrica de celulosas na Ría de Pontevedra insistiu en que "o tema de Ence está xudicializado e pendente de que exista unha sentenza que aclare se a prórroga que lle deu o PP en tempo de desconto é legal ou ilegal".

Segundo o secretario  xeral do PSdeG "o Goberno de España respectará a sentenza xudicial que é a que vai decidir se hai posibilidade de que Ence poida permanecer durante máis ou menos tempo na ría de Pontevedra".

Caballero defendeu a postura do Partido Socialista "que se manteñan os postos de traballo, pero o enclave de Ence a longo prazo non pode estar situado onde está" polo que instou a todos os actores implicados neste asunto para que "cooperen e colaboren" nunha "mesa de futuro" na que se poida "estudar un distinto emprazamento para esta empresa".

O líder dos socialistas galegos fixo un "chamamento á responsabilidade" da dirección da compañía pasteira que "agora ten que ter a responsabilidade social corporativa de colaborar, de achegar, despois de que Ence enchese os petos con centos de millóns de euros durante tantos anos de concesión", dixo.

REBAIXA PEAXES AP-9

Anticipándose ao anuncio do ministro do ministro de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, este venres o secretario  xeral do Partido Socialista de Galicia referiuse á "rebaixa histórica" das peaxes na autoestrada AP-9 que, a partir do mes de xullo, coa bonificación do 100% das viaxes de volta para turismos con dispositivo electrónico, a gratuidade do tramo Vigo-Redondela e un desconto adicional do 20% para os usuarios recorrentes.

Despois de manter en Pontevedra un encontro con cargos do seu partido no Congreso, o Senado, o Parlamento de Galicia e o  Concello, Gonzalo Caballero felicitouse pola medida e destacou que "é un Goberno progresista quen rebaixa as peaxes". 

Caballero tamén reclamou ao Partido Popular e ao BNG que "reflexionen" sobre o seu voto "equivocado" ao non apoiar os Orzamentos Xerais do Estado.

PONTEVEDRA

Finalmente, Caballero apoiou á Executiva Local e ao Goberno local na figura do seu tenente de alcalde, o socialista, Tino Fernández "para poñerlle á Xunta de Galicia os deberes que ten que cumprir coa cidade de Pontevedra".

Entre as "asignaturas pendentes" coa  Boa Vila por parte do Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo citou o proxecto do novo hospital de Montecelo, o financiamento das horas do Servizo de Axuda no Fogar, a Variante de Alba, o saneamento da ría ou a dragaxe do Lérez, entre outros asuntos.

O portavoz municipal do PSOE, Tino Fernández, engadiu que "na dereita de Pontevedra hai un  subtipo de políticos que se poden chamar pontevedreses  asintomáticos" e puxo como exemplo ao  expresidente Mariano Rajoy, a  exministra Ana Pastor ou o actual vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, "que só exercen de pontevedreses para criticar, para pedir, para enturbar, pero non para solucionar nada", afirmou en referencia ás últimas críticas do número 2 da Xunta polo atraso das obras de construción da autovía A-57 por parte do Ministerio.