A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra celebrou este mércores os seus 25 anos de traxectoria, destacándose como un dos motores principais da Universidade de Vigo.
Creada en 1999, a facultade naceu como continuación da antiga Escola Universitaria de Profesorado de EXB, e desde entón ten sido un referente na formación de profesionais comprometidos coa sociedade, segundo recolle o DUVI.
Durante o acto conmemorativo, o decano Óscar García destacou a facultade como un centro vital, que actualmente ofrece tres graos, cinco mestrados e tres programas de doutoramento, acollendo a máis de 1400 estudantes.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, aproveitou a ocasión para propoñer a creación dun instituto universitario de investigación baseado na facultade, subliñando que esta iniciativa podería ser un paso crucial para fortalecer a investigación no campus.
Reigosa sinalou os logros acadados pola facultade e recoñeceu a necesidade de dotar o centro de máis espazos formativos, admitindo a opción dunha "reordenación completa do campus". Tamén apostou por impulsar nun futuro un dobre grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e Fisioterapia
A celebración contou tamén coas intervencións de destacados catedráticos, como Francisca Fariña e Carlos Lago, que reflexionaron sobre a evolución e os logros da facultade neste cuarto de século.
Fariña destacou a importancia da ética do coidado na educación e o deporte, mentres que Lago resaltou o crecemento exponencial da produción científica na área do deporte, que contribuíu a posicionar a Universidade de Vigo entre as 300 mellores do mundo segundo o Global Ranking of Academic Subjects.
Os egresados, internacionalmente coñecidos, Javier Gómez Noya e Judith Rodríguez Menéndez tamén participaron no evento, subliñando a importancia dos valores transmitidos pola facultade.
Gómez Noya, cinco veces campión do mundo de triatlón, destacou o papel esencial do deporte na construción de valores como o compañeirismo e a superación persoal. E lembrou ao estudantado que "tendes unha misión moi importante e con máis impacto na sociedade do que imaxinades".
Pola súa banda, Rodríguez Menéndez, medallista nos Xogos Paralímpicos de París, lembrou, por videoconferencia, como os valores deportivos a axudaron a reconstruír a súa vida tras un accidente. Indicou que na facultade "fórmanse as persoas que formarán as persoas no futuro".
A Facultade contou con María Luisa Alonso, José María Cancela, Francisca Fariña, Vicente Romo e Óscar García como decanos ao longo deste cuarto de século.