O goberno provincial destina máis de 600.000 euros á estrada EP-1202 Seixo-San Tomé de Piñeiro

Pontevedra
28 de marzo 2025
Actualizado: 14:25

Na Xunta de Goberno celebrada á primeira hora da mañá se mobilizaron seis millóns de euros en materia de lingua galega e cultura, estradas, dixitalización e investimentos deportivos

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, explicou que na Xunta de Goberno celebrada á primeira hora da mañá na que se mobilizaron seis millóns de euros en materia de lingua galega e cultura, estradas, dixitalización e investimentos deportivos.

A cantidade máis importante, 2,7 millóns de euros, corresponde ao Plan +Provincia.

En resumo, dentro deste plan a Deputación destina 450.000 euros a completar o financiamento dos proxectos que xa contan con axudas do Plan Extra aos Concellos das Neves, Poio, Pontecesures e Portas.

Ademais, Bueu recibe 280.000 para obras de saneamento e abastecemento da parroquia de Cela e o Concello de Lalín 640.000 euros para a anualidade de 2025 correspondente á adquisición dos terreos para a construción da Gran Praza.

Pola súa banda, Marín recibirá 145.000 euros para dotar de subministración eléctrica de media tensión ao novo auditorio; Poio benefíciase de 150.000 euros para o proxecto de reurbanización da estrada PO-308 e Nigrán de 810.000 euros para a pavimentación de camiños de titularidade municipal e 215.000 euros para contratar a 17 persoas desempregadas.

Luís López tamén informou que dentro do segundo Plan de Infraestruturas Deportivas a Deputación de Pontevedra aprobou destinar 90.000 euros ao Concello de Portas para a ampliación dos vestiarios no campo de fútbol de Romai.

Para Cuntis son 100.000 euros para a mellora da pista polideportiva do pavillón municipal e para A Illa de Arousa outros 100.000 euros para a rehabilitación das pérgolas e o peche do campo de fútbol Salvador Otero.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, tamén anunciou que a institución provincial activou o procedemento para contratar a posta en marcha dun novo proxecto, co nome +Rueiro, que conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros financiado ao 100% polos fondos NextGeneration.

A iniciativa contempla dotar a cada municipio dunha base de datos de vivendas, que estará ademais unificada a nivel estatal e na que cada vivenda terá un identificador baseado na referencia catastral e que permitirá, á súa vez, xeolocalizalas.

Para facelo, tal e como avanzou o presidente, a Deputación creará unha plataforma de numeración dixital das vivendas, para que cada un dos concellos teña a posibilidade de xestionar o seu rueiro e poder así mantelo actualizado.

O presidente provincial tamén anunciou que se aprobou o expediente para contratar as obras, orzadas en 610.000 euros, para a mellora da seguridade viaria na estrada EP-1202 Seixo-San Tomé de Piñeiro, no Concello de Marín.

Está previsto actuar nun tramo de máis de 2 quilómetros mediante a reposición do firme, a mellora da drenaxe e da sinalización.

Tamén acordou destinar 150.000 euros para que entidades culturais da provincia poida desenvolver actividades de dinamización da lingua galega.

Cada entidade poderá recibir un máximo de 4.000 euros para cubrir até o 75% do orzamento de devandita actividade de fomento e uso do galego a través de programas de normalización e dinamización; de sociolingüística e toponimia, de fomento do emprego do idioma galego no comercio e na industria, campañas de dinamización para promovelo, recoñecementos e distincións, entre outras actividades.

Outra das iniciativas aprobadas foi o programa da Deputación +Música que esta semana foi obxecto dunha presentación nun acto celebrado no salón de plenos do Pazo Provincial.

Tal e como se adiantou entón o goberno provincial aprobou hoxe as actuacións que se realizarán entre maio e decembro en 59 concellos, todos os de menos de 50.000 habitantes na provincia, cunha subvención de entre 4.000 e máis de 15.000 euros.

A dotación económica do programa crece en 100.000 euros con respecto á primeira edición para situarse nos 700.000 euros. Os concellos tiveron a oportunidade de solicitar até dúas actuacións, sempre que o caché dos artistas non superen o máximo de 15.000 euros.

Trátase de artistas profesionais incluídos no catálogo de grupos da Deputación que nas súas actuacións levan a cabo interpretacións e composicións en lingua e de autoría galegas.