O Concello móstrase disposto a humanizar toda a contorna da capela de San Amaro, como reclaman os veciños. Pero calquera actuación depende da vontade dos seus propietarios.
Así o defendeu o edil responsable de obras urbanas, César Mosquera, que lembra que a titularidade dese espazo é da Igrexa católica, polo que a administración municipal non pode actuar sobre a zona sen o seu consentimento.
A este respecto, Mosquera indicou que desde hai tempo o goberno municipal está a negociar a fórmula para poder mellorar o estado desta praza.
Isto pasaría ou ben pola firma dun convenio entre ambas as dúas partes ou pola cesión dos terreos ao Concello, detallou o concelleiro do BNG.
Esta actuación sería posible porque "parece que xa hai un acordo entre os veciños" para abordar a humanización desta praza, usada principalmente como aparcadoiro, e poñer en valor o seu cruceiro, parcialmente derrubado por colisións de vehículos e polos efectos dos temporais.
A confirmación destas conversacións chega despois de que o PP presente unha moción plenaria para esixir que o Concello "lidere" a mellora deste ámbito urbano.
Os populares, a través da concelleira Beatriz Rey, reclamaron unha intervención para a recuperación e a posta en valor deste espazo coa instalación de mobiliario urbano, a mellora da iluminación e a protección do cruceiro.
"San Amaro merece unha praza á altura da súa historia e da súa xente", sostivo Rey, que considera que A Parda "é un dos barrios máis esquecidos" polo goberno municipal.