Goberno e oposición debaten no Parlamento galego sobre a seguridade da subestación de Bértola

Vilaboa
25 de setembro 2013

A parlamentaria socialista Carmen Gallego esixiulle este mércores ao goberno galego que respecte o acordo parlamentario de marzo de 2011 e as máis de 400 alegacións de Concello e veciños en contra da ubicación da subestación eléctrica de Bértola, en Vilaboa, "polo grave prexuízo que provoca na saúde dos veciños". Na súa resposta o conselleiro de Industria, Francisco Conde, salientou que o proxecto cumpre con todos os parámetros

A parlamentaria socialista Carmen Gallego esixiulle este mércores ao goberno galego que respecte o acordo parlamentario de marzo de 2011 e as máis de 400 alegacións de Concello e veciños en contra da ubicación da subestación eléctrica de Bértola, en Vilaboa, "polo grave prexuízo que provoca na saúde dos veciños".

Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento en presenza do alcalde e os representantes da Plataforma de afectados, na que lembrou que a Xunta conta xa cun informe técnico elaborado polo Concello de Vilaboa alertando dos riscos para a saúde que implica a instalación.

Na súa resposta o conselleiro de Industria, Francisco Conde, salientou que o proxecto cumpre con todos os parámetros e por iso o Consello da Xunta, "trala análise rigorosa dos técnicos da Administración", cumpriu coa súa obriga legal de autorizalo.

Conde puxo de manifesto o "papel de ponte entre as partes" que está a exercer a Consellería, convocando diferentes encontros e estudando e trasladando as propostas dos cidadáns a Red Eléctrica de España, promotora dun proxecto necesario para o AVE Atlántico.

Pola súa banda, Gallego reclamoulle ao goberno que reubique a instalación nos montes veciñais da parroquia ofrecidos polo Concello, "que permitiría evitar o grave risco para a saúde cun mínimo custe".

Recordou Francisco Conde que á Xunta non lle corresponde elixir entre dúas ubicacións, senón que ten que avaliar conforme á lei os proxectos que se lle presentan.

Neste sentido, destacou que a tramitación foi absolutamente garantista coa seguridade dos veciños, a eficacia no gasto público e o respecto ao impacto ambiental e paisaxístico, especialmente no que se refire ao Camiño de Santiago.

Finalmente fixo fincapé tamén en que o proxecto de Red Eléctrica, "cun menor impacto ambiental e un menor custe para o contribuínte, contempla que a subestación estará encapsulada, o que supón un menor impacto visual e maior seguridade, e que estará rodeada por unha muralla vexetal que reducirá ao mínimo o impacto visual".

O conselleiro lembroulle os deputados socialistas que a tramitación estatal da subestación foi iniciada con José Blanco como ministro e que antes de comezar a tramitación autonómica recibiu a luz verde tanto do Ministerio de Industria como do propio Consello de Ministros.