Representantes das catro agrupacións políticas con presenza na corporación municipal de Poio reuníronse este venres para pactar a redacción dunha moción conxunta con motivo do 25N, o Dïa Internacional pola Eliminación das Violencias contra as Mulleres.
No salón de plenos do Concello, a edil de Igualdade Silvia Díaz (Avante), as concelleiras de Cultura e de Benestar Social, Raquel Rodríguez (BNG) e Rosa Fernández (PSOE), así como Maritxe González (PP) confeccionaron un texto que será leido o próximo día 25 nun acto público ás portas do consistorio.
Ademais de lembrar o número de vítimas como consecuencia deste tipo de violencia e condenar o negacionismo que impera nalgúns ámbitos da sociedade, o documento recolle numerosas peticións aos gobernos do Estado, de Galicia e de Poio destinadas a mellorar a vida das mulleres.
Ao Goberno central pídenlle o cumprimento efectivo do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, mentres que ao executivo autonómico reclámanlle que destine o 1 % dos Orzamentos de 2023 á loita contra a violencia machista, que apoie o labor dos Concellos ou máis accións educativas, entre outras demandas.
A nivel municipal, recalcan a importancia de "manter a loita contra a violencia como unha das máximas prioridades", formar en igualdade ao persoal municipal, unha maior implicación en campañas de publicidade e expresar o apoio da corporación ás mobilizacións feministas do día 25.