O ministro de Transportes e Mobilidade Urbana, Óscar Puente, anunciou que o Goberno aprobará a ampliación das bonificacións para usuarios na peaxe da AP-9 comprometida o pasado ano no pacto entre BNG e PSOE para a investidura de Pedro Sánchez.
O vindeiro martes 15 de outubro o Consello de Ministros dará luz verde á declaración de urxencia do procedemento para dispor de crédito e destinar 27,6 millóns de euros adicionais para aplicar as rebaixas.
En resposta a unha interpelación no Congreso do deputado do BNG, Néstor Rego, o ministro Óscar Puente manifestou este mércores que a intención do Ministerio é tramitar todas esas novas reducións de peaxe "para que se puedan materializar lo antes posible".
Ponte recoñeceu que "es una situación injusta" a que vive Galicia coa AP-9 xa que non existe unha alternativa gratuíta para esta autoestrada que vertebra o territorio galego, con todo, asegurou que será "difícil" conseguir a gratuidade porque isto suporía "un coste elevadísimo e inasumible con claros efectos lesivos para el Estado".
Neste sentido, o ministro de Transporte non se cre a cifra de 904,7 millóns nos que sitúa o custo do rescate da autoestrada o estudo encargado polo BNG a profesores da Universidade da Coruña.
Óscar Puente mantense no cálculo de 4.000 millóns feito polos técnicos do seu ministerio xa que lle inspiran "mayor confianza" e porque o estudo encargado polo Bloque parte de "una premisa posible, pero no cierta" que é que a prórroga da concesión desta autoestrada foi ilegal polo que a concesionaria Audasa non tería dereito a unha compensación por lucro cesante. En todo caso, o ministro pediu ao BNG que lle remita o seu estudo para analizalo.
Ademais da Autoestrada do Atlántico o Goberno tamén ten previsto rebaixar a peaxe na AP-53, que conecta a AP-9 en Santiago de Compostela coa caretera nacional N-525, preto de Dozón.