Crear un videoxogo en 48 horas. Ese foi o reto que aceptaron a pasada fin de semana os participantes da Hobby Pont que acolleu a instalación municipal da Casa Azul.
Este evento, enmarcado na Global Game Jam, reuniu a máis de 50 afeccionados aos videoxogos de todas as idades e chegados de diferentes puntos de Galicia.
Un evento onde a aprendizaxe e a colaboración priman por enriba de todo.
Entre os participantes houbo desde programadores ata guionistas, produtores e deseñadores de realidade virtual, "a diversidade de perfís volveu ser unha das claves do éxito", segundo salientou a organización.
Baixo o tema de "Burbullas" desenvolveron un total de 11 xogos, destacando un de realidade virtual ou un proxecto con contornas 3D e pesoaxes en 2D.
Unity e o motor open source Godot foron as ferramentas máis utilizadas, xunto con aplicacións gráficas como Blender e Krita.
Algúns participantes retransmitiron a súa experiencia en tempo real a través de Twitch, compartindo o espírito creativo e colaborativo do evento cun público máis amplo.
A próxima edición de HobbyPont Global Game Jam xa ten data: a última fin de semana de xaneiro de 2026.